SOCIAL

GPR55, o xen que pode axudar a curar o fígado graxo

O investigador Marcos Fernández Fondevila no laboratorio do CiMUS (cedida).
O investigador Marcos Fernández Fondevila comparte con Nós Diario as conclusións dun estudo levado a cabo nos laboratorios do CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela, que presentan unha vía para chegar a un tratamento eficaz contra o fígado graxo, unha patoloxía que afecta unha de cada catro persoas. 

“O traballo no laboratorio non para, vas dun proxecto a outro”, di Marcos Fernández Fondevila desde o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermedades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela. Aínda rematando a súa tese de doutoramento, este investigador vén de asinar como autor principal un estudo que sinala unha novidosa diana terapéutica contra o fígado graxo non alcohólico, unha patoloxía que afecta a unha de cada catro persoas no mundo. 

A revista especializada Hepatology, da asociación americana para o estudo das enfermidades vencelladas ao fígado, publica este achado que abre a vía para probar con novos tratamentos ás persoas con fígado graxo, pois até o momento non hai ningún fármaco aprobado para esta patoloxía. 

“Hai un montón de cousas que levan a unha persoa a ter fígado graxo”, conta a Nós Diario Marcos Fernández, que traballa co fígado graxo como unha “consecuencia da obesidade”. No seu laboratorio tamén se estuda o cerebro nese sentido para avaliar “cales son os motivos que levan a unha persoa a desenvolver a obesidade, a comer máis, facer menos deporte ou gastar menos enerxía”.

“É curioso porque se trata dunha enfermidade que se coñece desde hai anos pero non se saben moi ben as causas. Nós decidimos estudar este xen, o GPR55, do cal non se sabía nada. Sabiamos que se expresaba en diferentes partes do corpo: na graxa, no cerebro e no fígado. Así que decidimos, xa que está no fígado e hai xenes da mesma familia, porque é da familia dos cannabinoides, ver que pasaba con el”, explica.

Así comenzou unha investigación que se prolongou durante case catro anos ,con dedicación practicamente exclusiva para este equipo. Algo que se considera un éxito, pois non é habitual resolver un proxecto en menos de cinco ou seis anos de traballo no laboratorio.

Diagnóstico cunha análise de sangue

Coas mostras de pacientes con fígado graxo de hospitais de Salamanca, Madrid e Santiago de Chile, entre outros, atoparon que a xente que padecía esta enfermidade nunha fase máis avanzada, máis grave, tiña os niveis dunha molécula coñecida como lisofosfatidilinositol (LPI) máis altos.

“É moi interesante porque un dos problemas do fígado graxo é que non se pode diagnosticar facilmente”, relata, “se tes unha ferida o médico pode vela cos seus ollos e co fígado graxo hai técnicas como a resonancia magnética para ver que hai dentro das vísceras, mais o problema é que até que abres o corpo e colles unha mostra de fígado non sabes seguro se a persoa ten a enfermidade. Isto é moi chulo porque permitiría ver cunha análise de sangue que tes a enfermidade, e iso é o primeiro paso”. 

Ademais, descubriron que a molécula LPI, cando se dirixe ao fígado, activa o xen GPR55. “No fígado as células maioritarias son os hepatocitos. O LPI, activando o xen GPR55, consegue que os hepatocitos cambien o seu metabolismo para acumular graxa, algo que non fan normalmente”, conta Fernández. 

“Así, o fígado comeza como unha reprogramación para acumular graxa. Isto é malo porque afecta a todas as súas funcións, o fígado limpa desde as drogas que tomamos até os metabolitos do deporte que xeran exceso oxidativo… Ten funcións como de limpeza do corpo e así non é capaz de facelo”, agrega. 

Evitan chegar á cirrose

Na súa investigación tamén xogan un papel importante as “células estelares”, que en condicións normais non fan demasiadas cousas, pero “cando hai moita acumulación de graxa ou se produce dano por algún outro motivo como o consumo de alcohol, comezan a facer cicatrices no fígado”. “Con esa fibrose, que non debería suceder no fígado, vólvese ríxido e o sangue non chega ben. Entón xera problemas bastante graves que acaban derivando na cirrose”, engade o investigador. 

Precisamente, neste estudo desvelan que o xen GPR55 “activa moito a produción de fibrose” que levan a cabo as células estelares. “Todo isto xunto, graxa nos hepatocitos e fibrose nas células estelares, leva a que a enfermidade avance moito máis rápido nas pacientes nas que este xen está activo”, asegura. 

“Unha de cada catro persoas sofre de fígado graxo”, salienta Marcos Fernández, que matiza que moitas persoas teñen unha afectación leve e síntomas que non se asocian ao fígado nun inicio. “O problema é que ao aumentar o estilo de vida occidental (como temos os europeos e os americanos, e como comezan a ter agora na China e no Brasil) estes estadíos iniciais da enfermidade evolucionan, por conta da dieta e do sedentarismo, a estadíos máis graves. Así, se un de cada catro ten fígado graxo, destes, un de cada dez acaba tendo fibrose”, incide. 

Consecuencias do confinamento

Marcos Fernández salienta que “moita xente con sobrepeso e obesidade ten problemas moito máis graves e por iso non presta tanta atención ao fígado”, pero advirte que “esta enfermidade tamén está presente en xente que non é obesa”.

De feito, o confinamento vai agravar a situación para o fígado de moitas persoas. “Prevese que ao final desta década se duplique, non o número de casos, senón a gravidade dos mesmos”, di, en relación á menor mobilidade e a unha peor dieta, desde un punto de vista nutricional, que pode traer como consecuencia a pandemia da COVID-19

Este estudo abre a vía a diferentes tratamentos médicos contra o fígado graxo, que cando está avanzado e comezou a facer fibrose, resulta irreversíbel. A única alternativa nestes casos é o transplante

“Hai que ter en conta que son enfermidades bastante novas”, argumenta o investigador, que salienta que até hai vinte anos non se falaba igual de enfermidades como a obesidade ou a diabetes. Patoloxías que se incrementan co estilo de vida actual.

O proceso para chegar ás conclusións deste estudo é longo. Comeza coa obtención de mostras do fígado de pacientes, por parte dunha médica, en operacións como a redución de estómago ou liposucción. Depois, a médica farálle chegar ao laboratorio as mostras obtidas. Neste caso, no CiMUS traballaron cunhas 200 mostras de pacientes e comprobaron as súas teses en 500 modelos, entre animais e cultivos celulares. “En cantos máis modelos o demostres, máis robusta é a túa investigación”, apunta Fernández. 

Lograr publicar o estudo

O camiño para chegar a publicar nunha revista como Hepatology tampouco é sinxelo. Co apoio do director do grupo de investigación Molecular Metabolism (metabolismo molecular), Rubén Nogueiras, lograron que a revista lles aceptase o estudo. Mais antes pasaron tres meses de intenso traballo para responder a cuestións que lles foron enviadas por expertos internacionais, un paso habitual para chegar a publicar un estudo científico. 

“Cando se publica o que sentes é moita satisfacción”, abunda Marcos Fernández, que segue a traballar no laboratorio do CiMUS en proxectos dirixidos por Rubén Nogueiras sobre como o xen P53, presente en moitas persoas con cancro, tamén ten que ver co metabolismo e está involucrado en reprogramar as células para que acumulen máis ou menos graxa. 

Ao mesmo tempo, avanza na súa tese de doutoramento e ten claro que o seu futuro como investigador pasa por marchar uns anos ao estranxeiro. “A estratexia para ser profesor titular é facer investigación entre seis e dez anos fóra, aínda que teño claro que vou querer volver para poñer en práctica aquí o novo que aprenda”, salienta.