Investigador

Fernando Pérez: "A tecnoloxía será útil no control da pandemia sempre que se use como un apoio"

O doutor en Enxeñaría de Telecomunicacións Fernando Pérez.
Un equipo da Universidade de Vigo, co catedrático Fernando Pérez á fronte, vén de realizar un estudo para analizar as potencialidades e feblezas dos modelos de aplicacións de rastrexo de contactos para a xestión do coronavirus. As súas conclusións desaconsellan o seu emprego nas súas versións actuais. 

Cal é a utilidade do rastrexo dixital de contactos para frear a expansión da COVID-19?

Consiste en intercambiar entre teléfonos mensaxes que permiten coñecer quen estivo perto de quen nun determinado momento. Cando se detecta un caso positivo, esta tecnoloxía indica perto de quen estivo esa persoa. Pode ser moi útil como apoio, para complementar a información dos tests sobre contaxios con datos sobre a mobilidade da poboación. Mais a tecnoloxía é unha ferramenta, non un fin; cando lle damos máis protagonismo do que ten, equivocámonos. 

De onde parte o seu estudo?

Do debate europeo sobre os dous modelos para facer aplicacións de rastrexo. Creouse un consorcio, que en principio ía propor un modelo estándar para toda Europa, e alí apareceron visións contrapostas. Quen defendía a privacidade a ultranza criticaba o modelo centralizado que, desde o punto de vista epidemiolóxico, permite cousas que o descentralizado non, como saber cantas persoas contaxiou alguén.

Que supón cada un deles?

No modelo centralizado existe un servidor ou unha institución central que recolle estas mensaxes e, en caso de haber contaxios, contrasta unhas con outras e pode avisar as persoas que teñan estado en contacto cun positivo. No descentralizado pártese da desconfianza de que ese servidor central poida estar controlado por un goberno "Grande Irmán". Trátase de minimizar a información que queda no servidor. Así, cando se detecta un positivo, un teléfono informa o resto. Un algoritmo decide se estiveches en situación de risco e avisa para que fagas a proba. O debate é entre a privacidade e a utilidade que se persegue co deseño da aplicación. Para gañar utilidade pérdese privacidade. 

Que concluíu o seu estudo?

Ao analizar a fondo os dous protocolos, vimos que cada un ten unhas limitacións tan grandes que desaconsellan, nas súas versións actuais, usalos.

Que eivas detectaron?

Por unha banda, as debilidades da tecnoloxía de base que se emprega, Bluetooth, e o seu uso para calcular distancias, unha estimación moi imperfecta que a fai pouco fiábel. Ademais, os sistemas están pensados para garantir a privacidade ao máximo, mais, pola forma en que están implementados, quedan abertos a posíbeis ataques. Ao non incluír información nin do lugar onde se xerou a mensaxe nin do momento onde se emitiu, nun eventual ataque ao sistema é imposíbel verificar a autenticidade desas mensaxes. A terceira debilidade ten a ver co grao de adopción necesario para que a tecnoloxía funcione. Estimamos que a aplicación tería que estar operativa en 80% das persoas, unha cifra, hoxe por hoxe, imposíbel de acadar. En Singapur, un país tecnoloxicamente avanzado, creouse unha APP deste estilo e o grao de descarga foi de 20%. Alí, ademais, o que acabou ocorrendo foi que houbo un rebrote e, aínda que non se pode estabelecer o grao de responsabilidade, é claro que influíu un exceso de confianza nese sistema. 

Trátase, pois, de problemas técnicos?

Esas son as dimensións técnicas, pero hai unha cuarta a ter en conta, que implica a Google e Apple. Ambas as dúas participaron no consorcio europeo e apostaron polo sistema descentralizado. O paradoxo está, sobre todo no caso de Google, en que esta empresa, que non é exemplo de xestión da información, ten xa todos os nosos datos, que lle damos de balde, mais nesta situación convértese en abandeirada da privacidade. Entón, Europa parte dunha premisa que busca privacidade absoluta. Tiñamos medo do "Grande Irmán" do modelo centralizado e quedamos en mans dun "maior irmán", o peor que nos podía tocar. E hai outras dimensións a ter en conta. En que grao a cidadanía estaría disposta a colaborar ofrecendo a súa localización baixo certas condicións, ou mesmo un debate sociolóxico que pagaría a pena ter, sobre até onde chegan os dereitos individuais fronte aos da comunidade nunha situación excepcional coma esta. 

 Cal é a súa proposta?

Cremos que habería que reformular o modelo, entendendo que a privacidade é moi importante e hai que protexela, pero pensando tamén na utilidade, porque son complementarias. Un exemplo para entendelo é pedir unha pizza: se non queres que se saiba a túa dirección nin facilitar o teu teléfono, entón terás que ir ti buscar a pizza. Pero aí podes decidir.  

O modelo coreano fronte á privacidade europea

A experiencia de Corea do Sur, "a máis exitosa no control da enfermidade", non serve como exemplo en Europa, segundo observa o investigador. "O modelo é de rastrexo manual e de intrusión na privacidade a un nivel que en Europa, probabelmente, non estamos dispostos a aceptar", opina Pérez.

Malia ser un pobo "tremendamente tecnolóxico", no seu caso, a aplicación que empregaron estaba pensada para facilitar o traballo de rastrexo manual. "Vai recollendo a túa posición en todo momento para que despois, se dás positivo, os equipos de investigación manual teñan todos os teus datos.

Alí examinaron cámaras de seguridade, investigaron os lugares, as persoas e as súas viaxes para que, por exemplo, quen estivo nun tren cunha persoa contaxiada soubese que nese tren houbo un positivo e puidese tomar medidas", apunta o experto.