Social

O investigador José Tubío monitorizará a evolución do coronavirus na Galiza

José Tubío.

O seu laboratorio no CiMUS da USC empregará tecnoloxías de secuenciación xenómica para identificar todas as mutacións do coronavirus presentes no país. 

José Manuel Castro Tubío é director do grupo de Xenomas e Enfermidade do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermedades Crónicas (CiMUS), da Universidade de Santiago de Compostela, e conta coa achega do Consello Europeo de Investigación no seu laboratorio. Estes días inicia unha nova investigación para lograr facer unha monitorización de como evolucionan as diferentes cepas deste coronavirus ao longo do tempo na Galiza

O seu laboratorio ubícase no edificio do CiMUS, onde normalmente traballan preto de 200 investigadores a diario. Mais non a día de hoxe, pois a crise sanitaria provocada pola expansión do coronavirus tamén fechou a porta da maioría dos laboratorios científicos do país, como lamenta Tubío, que apostou por deixar a un lado a súa investigación sobre cancro (pois pertence a un dos proxectos de xenómica do cancro máis ambiciosos do mundo, Pan-Cancer) para aportar máis coñecemento sobre este novo coronavirus

Para este novo proxecto, no laboratorio de Tubío están a empregar unha nova tecnoloxía de secuenciación xenómica, que leva poucos anos no mercado, e que “está funcionando bastante ben para estudar virus porque é moi versátil”. Xa se empregou no último brote de ébola que houbo no ano 2016, en África, para seguir a evolución deste virus desde os laboratorios de campaña 

Esta tecnoloxía vainos servir para monitorizar aquí o coronavirus. Porque podemos escoitar que baixa a taxa de infección, en canto a que xa non hai tantos casos como había. Pero iso que quere dicir? Iso significa que hai menos infectados, pero non que as cepas do virus que son máis patoxénicas estén baixando a súa prevalencia (a súa infección) porque sabemos que hai diferentes cepas do virus, xa que vai mutando”, explica Tubío.

Polo tanto, o proxecto que agora lidera Tubío céntrase en coñecer a evolución de cada unha das diferentes cepas do virus que provoca a COVID-19 a través de equipos Oxford Nanopore, que permiten acceder ao diferente código xenético deste virus; nós temos ADN e o coronavirus ten ARN. “Queremos poder identificar as variantes xenéticas do virus para poder identificar á súa vez todas as cepas que hai na Galiza, e seguir a súa evolución no tempo”, sinala. 

Tubío, aínda que está centrado na investigación do cancro, ten experiencia con virus ao ter estudado aqueles que están asociados a cancros. Conta que non lle resultou complexo adaptar os seus protocolos ao coronavirus que, segundo explica, aínda non ten cuantificado canto muta en relación a outros virus. “Todos os virus mutan”, lembra, “para o da gripe cada ano temos que sacar vacinas novas”. 

Unha axuda para os Gobernos 

José Tubío explica que a información que obteñan do coronavirus “vai servir para que os Gobernos poidan tomar decisións”. “Se realmente se ve que aquelas cepas do virus que son máis patoxénicas están diminuíndo a súa prevalencia na Galiza, iso vainos levar a poder relaxar as medidas que estamos levando a cabo para frear o virus. Se non é así, se a pesar de que baixa a taxa de infección esas cepas máis patoxénicas seguen activas, pois haberá que enfrontar esa cuestión”. 

Ao seu laboratorio chegan as mostras de material xenético do coronavirus que foron previamente extraídas noutros centros e, desta maneira, non teñen xa risco de contaxio. “Imos secuenciar coas tecnoloxías Oxford Nanopore os xenomas destes virus, catalogar as súas variantes xenéticas que nos van permitir identificar as cepas que temos aquí presentes e, despois, repetiremos esa análise nunha serie de mostras moito maior nun período curto de tempo. Así poderemos facernos unha idea de como están as cepas do virus na Galiza, en diferentes momentos. E teremos un maior número de detalles para poder informar aos Gobernos”, describe o investigador, quen apunta que non se está facendo nada similar noutros lugares. 

Este é un virus que non distingue de clases sociais, afecta a todo o mundo”, afirma, para engadir que “é posíbel que todos os medios que se puxeron en curto tempo para frealo” obedezan a esta circunstancia e a que “non hai tanta forma de controlalo” porque o contaxio é sinxelo e non hai unha protección integral específica contra el. 

Ademais, avanza que o máis probábel é que o coronavirus volte “o ano que vén, se non antes, porque son infeccións recorrentes”. “Non se trata de alarmar”, apunta, “estaremos moito máis preparados, pero eu penso que vén aquí para quedarse con nós”. 

Poñer o foco na investigación

O investigador lamenta que o Estado non estea a aproveitar o seu pulo nesta crise. “A investigación é onde hai que poñer o foco neste momento. Por un lado están as profesionais dos servizos sanitarios, que están traballando día a día en curar aos enfermos tanto cos diagnósticos como coa aplicación de tratamentos, pero despois está a parte de investigación, que parece que sempre estamos a expensas do que fagan outros países en lugar de ser nós os que tiremos adiante para facer investigación de alto nivel. Sen recursos iso non se pode facer. A intelixencia témola, demostrámolo moitísimas veces. Non temos nada que envexar en capacidade de razoamento, nin en sacar novas liñas de investigación, a outros países. O que nos faltan son os cartos que hai que investir para facer que a investigación sexa de alta calidade”, salienta.

O fondo para investigar a COVID-19 do Ministerio de Ciencia e Innovación, a través do Instituto de Saúde Carlos III, non chega aos 30 millóns de euros. “Parecen moitos cartos pero non é nada se pensas no custo que pode ter o desenvolvemento dunha vacina ou poñer en marcha calquer tratamento”, di. 

José Tubío iniciou a súa investigación do coronavirus sen ter ningún recurso en concreto para iso. Porén, traballar sobre esta nova enfermidade “era a única forma de poder facer algo” e de “axudar á xente” porque senón o seu laboratorio permanecería fechado, como xa estivo as primeiras semanas co estado de alarma. "A xente ten que saber o que estamos facendo para reclamar que se duplique a investigación en I+D+i, iso é fundamental", engade.