Unha investigadora da USC lidera un novo proxecto para unha vacina contra a COVID-19

A investigadora María José Alonso (Foto: USC).
O obxectivo é crear unha vacina fronte á COVID-19 baseada en ácido ribonucleico mensaxeiro (ARNm), unha “alternativa prometedora fronte outras convencionais polo seu gran potencial, rápido desenvolvemento, fabricación a baixo custo e administración segura”.

Desenvolver e avaliar en estudos preclínicos unha nova vacina baseada en ácido ribonucleico mensaxeiro (ARNm) contra o SARS-CoV2 capaz de inducir respostas inmunitarias de longa duración fronte ao virus. É o fin último do proxecto de investigación no que traballa o laboratorio que lidera María José Alonso, e no que participa tamén o grupo que dirixe Mabel Loza, ambos no  CiMUS e FIDIS–Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O obxectivo dos laboratorios da USC é o de producir un vehículo sintético baseado en  biomateriais inocuos e capaz de transportar o ARNm ao interior das células dianas, de modo que logrará a produción do antíxeno no organismo humano.

Como funcionan as vacinas baseadas en  ARNm?

As vacinas tradicionais están formadas por doses pequenas ou inactivas do organismo causante da enfermidade, ou as proteínas que produce, que se introducen no corpo para provocar que o sistema inmunitario xere unha resposta.

Polo contrario, as vacinas de ARNm “enganan” ao corpo para que produza algunhas das proteínas virais, utilizando para iso ARN mensaxeiro, que contén “instrucións” para construír unha proteína, segundo explican desde a USC.

Para producir unha vacina de ARNm, os científicos crean unha versión sintética do ARNm que un virus usa para construír as súas proteínas infecciosas.  Este ARNm entrégase nas células,  que o len  para  construír  esa proteína viral. O sistema inmune detecta estas proteínas virais e comeza a producir unha resposta defensiva fronte a elas.

O proxecto

Para o desenvolvemento desta vacina, o equipo de investigadoras “utilizará métodos computacionais para identificar as partes do virus que sexan capaces de provocar unha resposta notábel no sistema inmunitario”. “Seguidamente, procederase á fabricación da molécula ARNm máis prometedora e, por último, á súa incorporación nun  vector viral ou sintético, co fin de garantir a estabilidade do  ARN e favorecer a súa chegada efectiva ao sistema inmunitario”, revelan.

Concretamente, neste proxecto, o equipo que lidera María José Alonso terá como misión o desenvolvemento de vehículos (que simulan virus artificiais) para a protección e transporte do  ARNm á célula diana.

“Tres décadas de esforzo”

O laboratorio que lidera María José Alonso dedicou tres décadas de esforzo ao desenvolvemento de novas vacinas, contando co financiamento da Fundación Bill e Melinda  Gates, a Organización Mundial da Saúde (OMS), o instituto de saúde americano (NIH), o Ministerio de Ciencia e Innovación, e a Consellería de Economía e Competitividade da Xunta .

Nesta liña, destaca o recente desenvolvemento dunha vacina contra a sida, en colaboración con investigadoras americanos e canadianas, que deu lugar a resultados prometedores en macacos.