O Goberno español valora prorrogar a limitación do prezo dos alugueiros máis alá do 30 de xuño

A ministra de Transportes, Raquel Sánchez. (Foto: Alberto Ortega/Europa Press)
"O Executivo prorrogará as medidas que sexan necesarias para tentar amortecer o efecto negativo da crise, entre elas a limitación dos alugueiros, que ten carácter social e que axuda á xente para soportar esta situación", sinalou a ministra Raquel Sánchez.

O Goberno español non descarta prorrogar máis alá do 30 de xuño a limitación de 2%, actualmente en vigor, na suba do prezo dos alugueiros de vivendas nas actualizacións de rendas.

Así o avanzou a ministra de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, en declaracións á prensa desde o Salón Inmobiliario de Madrid (SIMA), onde defendeu que "ten lóxica" que o Goberno manteña esta medida ante o escenario actual, moi semellante a fai dous meses, cando se aprobou a medida.

"O Executivo prorrogará as medidas que sexan necesarias para tentar amortecer o efecto negativo da crise, entre elas a limitación dos alugueiros, que ten carácter social e que axuda á xente para soportar esta situación", sinalou.

Preguntada polo bono ao alugueiro dos mozos, Sánchez explicou que o Ministerio xa transferiu os fondos ás autonomías, e que deben ser estas as que nos vindeiros días lancen as convocatorias. En calquera caso, a súa efectividade terá efecto retroactivo desde o pasado 1 de xaneiro.

Ameaza de burbulla inmobiliaria

En canto á ameaza dunha posíbel burbulla inmobiliaria, Sánchez asegurou que o Goberno español xa está a introducir novas ferramentas e instrumentos para evitalo.

No entanto, resaltou que na última crise financeira, desatada principalmente desde o sector inmobiliario, houbo moitos compoñentes que provocaron o estalido desa burbulla.

A ministra tamén se referiu á Lei de Vivenda, dicindo que "non vai en contra de ninguén e non ataca o sector", após as críticas recibidas desde varios ámbitos inmobiliarios e políticos, engadindo que "necesítase seguridade xurídica pero tamén protexer os cidadáns".