O BNG reclama duplicar as axudas de alugueiro para a mocidade e impulsar a vivenda pública

A organización nacionalista lanza unha batería de propostas para que a mocidade poida acceder a unha vivenda e para que a Galiza reverta a falta de vivenda pública.
A parlamentaria do BNG, Alexandra Fernández (Foto: Nós Diario)
photo_camera A parlamentaria do BNG, Alexandra Fernández (Foto: Nós Diario)

Cando Alberto Núñez Feixoo, presidente da Galiza, accedeu á Presidencia do Goberno en 2009, construíanse na Galiza 2.640 vivendas protexidas ao ano, unha cifra que foi decaendo até situarse nas 450 novas vivendas protexidas anuais en 2020, denuncia a deputada do Bloque Nacionalista Galego, Alexandra Fernández.

A parlamentar fixo fincapé en que o país ten a segunda peor taxa entre os territorios do Estado á hora de emanciparse, con catro de cada dez mozos de entre 30 e 34 anos que non teñen capacidade económica de saír do fogar familiar.

Incide Fernández en que esta situación é a consecuencia por unha banda, do “aumento continuado e abusivo” dos prezos do alugueiro nos últimos exercicios, mais tamén da “falta de políticas sociais de vivenda por parte do Executivo do Partido Popular (PP), especialmente no que ten que ver coa vivenda protexida”.

Esta combinación foi a que xerou até “seis veces menos vivenda protexida por ano”, indica a parlamentar, que puxo o foco en “anos de auténtico deserto”, como aconteceu entre 2015 e 2018, cando baixou “a tan só catro vivendas protexidas por ano e das que só unha se puxo en réxime de alugueiro”.

Mentres a media na contorna europea é do 9% de vivenda protexida, na Galiza permanece por baixo do 1%.

Ao tempo, apuntou cara ás políticas desenvolvidas en materia de axudas ao alugueiro para a mocidade, nas que a contía das axudas exclúe a meirande parte das persoas que as solicitaron, pasando dos 1,2 millóns de euros en 2019 aos 800.000 en 2021. Así e todo, no ano 2020, no peor da pandemia, a Xunta nin tan sequera as convocou”, láiase.

Propostas de actuación

Perante o que define como “abandono da política social de vivenda por parte do PP”, Fernández reclamou “aumentar ese parque de vivenda pública e mobilizar a vivenda baleira porque temos a maior porcentaxe de vivenda baleira de todo o Estado”.

“Hai que conseguir que saia ao mercado para aumentar a oferta e para que unha parte desta se destine a alugueiro a prezos accesibles, especialmente para a xente moza”, relatou, propoñendo que paralelamente se dupliquen as axudas ao alugueiro para as persoas maiores de 35 anos, cun mínimo de 2 millóns de euros nos Orzamentos.

Comentarios