A UE selecciona o proxecto ferroviario Lisboa-A Coruña

O Goberno luso urxe España a impulsar o AVE Galiza-Lisboa

O actual tren Celta une Vigo co Porto en máis de dúas horas. (Foto: Nós Diario)
O vicepresidente de Infraestruturas do Goberno luso, Carlos Fernandes, instou nesta terza feira, 31 de xaneiro, o Executivo español a datar a conexión de Lisboa coa cidade galega da Coruña.

O proxecto de novas conexións ferroviarias entre Lisboa e as cidades da Coruña e Madrid foi un dos dez seleccionados pola Comisión Europea (CE), segundo transcendeu onte, dentro do marco do Plan de acción para impulsar o transporte ferroviario de pasaxeiros transfronteirizo.

A CE revelou onte que, "após unha avaliación coidadosa", seleccionou unha decena de proxectos piloto transfronteirizos para estabelecer novos servizos ferroviarios ou mellorar os xa existentes, publicando a listaxe por orde de data de inicio prevista. No noveno lugar da táboa e sen ningunha data específica,  aparece o novo servizo ferroviario de alta velocidade entre Lisboa e A Coruña, e a nova ligazón entre as capitais portuguesa e española. A falta de concreción na data de inicio podería significar novos atrasos nunha conexión non priorizada polo Goberno español

Precisamente, o vicepresidente de Infraestruturas do Goberno luso, Carlos Fernandes, asegurou onte que agarda que o AVE entre Portugal e a Galiza estea listo en 2030, pero remarcou que para que iso sexa así é necesario que se defina co Estado español unha "estratexia" e se articule un calendario. "Estamos razoabelmente convencidas as dúas partes (Portugal e España) de que hai un compromiso político para avanzar", afirmou Fernandes sobre a conexión de alta velocidade coa Galiza. Apuntou que nesa estratexia debe figurar a nova ponte sobre o río Miño para poder optar a financiamento. 

Así, Portugal xa ten feitos os estudos ambientais da súa parte, e a súa proposta de localización é a mesma que trazaron nun proxecto inicial hai dez anos, pero que logo quedou "nun caixón" pola crise. 

O Executivo portugués di esperar, unha vez máis, a que o Estado español tamén concrete as súas propostas a respecto da conexión transfronteiriza. Paralelamente, Carlos Fernandes considerou que a saída sur de Vigo é "esencial".  

O Estado español non concreta os seus plans

Pola súa parte, o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, insistiu onte no "compromiso" do Executivo estatal coa conexión por AVE con Portugal, ao ser preguntado, nun acto na cidade da Coruña, polas demandas feitas desde o Goberno luso a este respecto. "Ninguén pode dubidar dos compromisos de ambos os Estados", asegurou Miñóns, quen, en referencia á etapa do Goberno do Partido Popular, expuxo que a conexión entre A Coruña e Lisboa mediante alta velocidade estivo "durante anos parada". 

Ademais, Miñóns recalcou que os compromisos non é "necesario" estabelecelos a través de fondos, senón de proxectos. "De pouco serve pór unha dotación de cen millóns se non hai un proxecto, hai que avanzar nos proxectos e nos estudos", engadiu en relación á liña de traballo do Executivo estatal. "E despois dotar nos orzamentos a partida", insistiu Miñóns, quen se remitiu ao "compromiso pleno de España", algo que, engadiu "sabe Portugal". Con todo, Miñóns non especificou cal das dúas conexións (Lisboa-Madrid ou Lisboa-A Coruña) sería a prioridade do Executivo español á que se referiu.

Sen impulso institucional

Os proxectos escollidos pola CE foron presentados polo sector ferroviario e polas autoridades competentes. Porén, a proposta de conectar Lisboa e A Coruña non partiu do Ministerio de Transportes, senón da empresa ferroviaria valenciana Intermodalidad de Levante S.A. (ILSA).