O Goberno galego debe 841 millóns polas obras do hospital Álvaro Cunqueiro

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo nunha imaxe de arquivo. (Foto: Sergas)

O hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo foi construído polo modelo de colaboración público privado. A Xunta da Galiza debe a UTE concesionaria desta obra 841 millóns de euros. O prazo para completar os pagos remata en 2035.

O custo do  hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo situouse en 1.044 millóns de euros. Precisamente, no momento da adxudicación da actuación, o economista e colaborador de Nós Diario, Albino Prada, advertiu da "posta en servizo" dun hospital público, como o Cunqueiro en Vigo, "dentro dun edificio privado polo que se paga cada mes un alugueiro multimillonario". "Ao  final o custo duplica o prezo de pagalo con débeda pública", sentenciou.

 Modificación do proxecto

As obras finalmente executadas non se corresponderon co proxecto licitado polo Goberno galego. A este respecto, en 2016, o economista, auditor e avogado da Asociación para a Defensa da Sanidade Pública Antón Beiras sinalou a Sermos Galiza, que o hospital contaba con 620 camas e 11 quirófanos menos dos previstos. Así, o centro sanitario dispón de 845 camas fronte ás 1.465 iniciais e 24 quirófanos, malia estar contemplados no proxecto 35.

A unión temporal de empresas (UTE) beneficiada pola obra denomínase Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo S.A. A mesma estaba conformada pola empresa madrileña Acciona, propiedade da familia Entrecanales, titular de 43% do capital, a chinesa Puentes, propietaria de 23%, a francesa Veolia, dona de 17% e a, tamén madrileña Concessia, con 17% das participacións.

O capital da mercantil mudou en diferentes ocasións desde a súa constitución. Á volta de novembro de 2020, Acciona desprendeuse do seu capital, vendendo as súas accións por 484 millóns de euros á compañía francesa Meridiam, titular da xestora de investimentos Bestinver.

Uns meses antes, en xullo de 2019, Concessia desfíxose da súa participación, adquirida polo fondo luxemburgués River Rock, especializado na xestión de infraestruturas levantadas pola fórmula público-privada.

Modelo público privado

A formula elixida pola administración galega para facer obra respondeu a una artificio contábel. Este mecanismo permite ás autoridades galegas maquillar o alcance real da débeda pública, que no caso de contabilizar as obras executadas pola vía público-privada alcanzaría a finais de 2021 un total de 14.406 millóns de euros.

A escolla do modelo de colaboración público privada incrementou os custos da obra. Neste sentido, o economista Beiras Cal cuantificou en de 216 millóns de euros  o sobrecusto da actuación en relación co proxecto inicial.

Beiras Cal, denunciou que "o tufo a contubernio nepótico, a escuro chanchullo e a capitalismo de amiguetes é tal que a parte da sociedade civil xa clama polo rescate da concesión".

O Goberno galego debe a Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo S.A 841 millóns de euros. Sen ir máis lonxe, en 2023, ten que efectuar pagos á empresa titular do hospital Álvaro Cunqueiro por unha contía de 76,4 millóns de euros. Asemade, a débeda non estará saldada até 2035.