O Goberno español sinala Portugal como responsábel de que a alta velocidade Vigo-Lisboa chegue en 2032
Puente sinala que esta conexión "non é menos prioritaria" que a de Madrid-Lisboa: "Son distintas e son complementarias".
O ministro de Transportes e Mobilidade Urbana, Óscar Puente, sinalou esta terza feira os "problemas" que, ao seu xuízo, ten Portugal para que o prazo da conexión ferroviaria entre Lisboa e Vigo se cumpra en 2032, á vez que defendeu que esta liña de alta velocidade "non é menos prioritaria" que a que Madrid e a capital lusa: "Son distintas e son complementarias".
Así respondeu Puente a unha interpelación da senadora do BNG, Carme da Silva, na sesión de control da Cámara Alta sobre as previsións ferroviarias na Galiza, especialmente na liña de alta velocidade entre Lisboa e Vigo, despois do cume hispano-luso que decorreu hai unhas semanas.
Despois de que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, confirmara o seu compromiso de concluír a liña de alta velocidade entre Madrid e Lisboa para o ano 2030 e o seu homólogo portugués asegurara que a súa prioridade era acabar a liña entre Lisboa e Vigo para 2032, Puente proclamou que "non hai un compromiso do Goberno portugués que estea por enriba do Goberno español".
En calquera caso, o ministro Puente explicou que o prazo de 2032 é o que ambos os Executivos conviñeron porque son as datas necesarias para desenvolver a infraestrutura, xa que a liña desde Lisboa até a fronteira de Portugal non conta neste momento con ningún quilómetro de alta velocidade construído.
Os “problemas”, do lado de Portugal
"Pensen por un momento que a primeira licitación que fixo o Goberno portugués desa liña é un tramo da conexión Porto-Lisboa, é dicir, do Porto cara ao sur, de 45 quilómetros e que aínda non iniciou a súa execución. Por tanto, os problemas non están deste lado da fronteira", sostivo Puente.
Por iso, cre que o prazo de 2032 é falar de "as datas factíbeis", mentres que explicou que o Goberno de España está a concluír o estudo informativo do saída sur de Vigo, estando xa na fase "para cumprir con ese compromiso do ano 2032".
En calquera caso, o ministro aclarou que esta liña ferroviaria entre Lisboa e Vigo "non é unha conexión menos prioritaria que a Madrid-Lisboa, son distintas e son complementarias". "O Goberno de España non vai escatimar nin restarlle ningún esforzo á conexión Porto-Vigo en favor da conexión Madrid-Lisboa", precisou.
As proximidades e outros servizos
Pola súa banda, a senadora do BNG centrou a súa intervención en aspectos relacionados cos servizos ferroviarios, como completar o Eixo Atlántico, así como a implantación canto antes dos servizos ferroviarios de proximidade na Galiza.
Do mesmo modo, o BNG tamén interpelou Puente polo tren Lugo-Santiago, advertindo de que a capital lucense "é unha das grandes esquecidas no mapa de modernización ferroviaria": "Queda aínda moito traballo por facer para poñer fin ao déficit da Galiza en materia de ferrocarril, especialmente na súa rede interior, coa aposta polas proximidades e a mellora do tren convencional así como o impulso das conexións de mercadorías".
En canto ao tramo Ourense-Monforte de Lemos, Puente destacou que o Ministerio está xa traballando co tren laboratorio iniciando as probas no tramo renovado e, polo tanto, estase "moi perto" de ter a posibilidade de pór en servizo ese tramo.
Por último, a breve mención que realizou Puente ao tren de proximidade na Galiza foi para sinalar que confía en que o estudo deste servizo ferroviario, financiado con cargo ao Orzamento do Corredor Atlántico, estea para o primeiro trimestre do ano 2025.

