O Goberno español recoñece que a alta velocidade tardará "meses" en estar operativa na Galiza

O tren de alta velocidade 'Avril' (Foto: Nós Diario).
A secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, anunciou que a alta velocidade non chegará á Galiza até 2023.

A secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, recoñeceu que aínda non hai data para que estean operativos os trens Avril de alta velocidade na Galiza cuxa chegada é "cuestión de meses".

Así o apuntou Pardo de Vera, en declaracións aos medios esta sexta feira en Ourense, onde visitou as obras da variante ferroviaria, cuxo proxecto executa Adif.

Problema cos prazos de entrega

"É unha pregunta reiterada porque todos estamos a esperar os trens Avril", aseverou Pardo de Vera, que incidiu en que existen unhas "infraestruturas fantásticas", pero que se incumpriron os  “prazos de entrega" por parte do fabricante, Talgo, polo que os trens aínda están en proceso de homologación.

"Se se empezase antes a fabricación, no momento en que se contrataron, non estariamos con esta inquietude e coas molestias que estamos a provocar por non ter os suficientes trens para dar servizo nesta grande infraestrutura", sostivo a secretaria de Estado de Transportes.

Chegarán en 2023

Así, dixo que, ao estar iniciado o proceso de homologación das probas de material rodante, "non vai haber ningunha présa" que "poida pór en dúbida a seguridade", co cal "espera" que os tren Avril cheguen no ano 2023, "nos próximos meses".

Neste sentido, sostivo que desde a Secretaría de Estado hai un grupo de traballo para coordinar os proxectos con Adif e coa axencia ferroviaria que está "a seguir semanalmente as probas" que se realizan, mais "as probas, probas son", e nesta liña lamentou que até que terminen non poderá dar a data exacta, polo que "é unha cuestión de meses".