Así deturpa o Samaín o Concello de Ourense: Sen actividades para as crianzas, sen espazo para o galego

O alcalde ourensán criticou que unha parte da veciñanza se indigne por celebrar o "Halloween".
O alcalde, de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, disfrazado de vampiro. (Foto: 
@gonzalojacome)
photo_camera O alcalde, de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, disfrazado de vampiro. (Foto: @gonzalojacome)

Concellos de toda a Galiza organizaron durante a segunda feira diferentes actividades para celebrar o Samaín. Porén, non todos respectaron as tradicións desta festividade, deturpándoa e mesturándoa co Halloween estadounidense.

É o caso de Ourense, onde o seu alcalde, Gonzalo Pérez Xácome, promocionou o “Halloween” co lema ‘Non esperes morrer para coñecer o inferno, ven a Ourense’. O propio rexedor criticou a “indignación” de “certos galeguistas” porque o seu Goberno non celebrase o Samaín.

No día de onte, o Concello tiña previstas diferentes actividades para celebrar o Halloween. Porén, tal e como criticaron moitos veciños e veciñas da cidade, a maioría das actividades non estaban pensadas para as crianzas, grandes protagonistas no Samaín que onte quedaron relegadas a un segundo plano en Ourense.

“Os máis pequenos foron os grandes esquecidos, nada para eles agás un taller de cabazas no só as podían baleirar”, lamentou un veciño de zona, que criticou o “ambiente non adaptado” para unhas crianzas que “tiveron que fuxir de homes con motoserras e exorcistas”.

Desleixo ao galego

Outra das críticas que máis recibiu o alcalde de Ourense foi o desleixo do galego e da toponimia na cidade. Foron varios os veciños e veciñas que comentaron un novo episodio no que o rexedor volveu deturpar a nomenclatura oficial da cidade.

Ocorreu durante o concerto que o grupo Mago de Oz deu na rúa Progreso. Durante a actuación, o alcalde dirixiu unhas palabras ao público asistente. Unha intervención na que, tal e como acostuma, empregou o topónimo incorrecto e deturpado “Orense”, no canto do normativo e único legal, Ourense.

“Os compoñentes do grupo esforzándose por falar en galego e dicindo constantemente o nome da nosa cidade con corrección”, salientaba unha das persoas asistentes ao concerto, mentres Gonzalo Pérez Xácome “volveu deturpalo na súa aparición estelar”.

Deturpación do Samaín noutros concellos

Ourense non é o único concello da Galiza no que se desleixan as tradicións vencelladas ao Samaín. É o caso de, por exemplo, Soutomaior, onde o Goberno local organizou unha “batukada” inspirada nos Camiñantes Brancos, criaturas fantásticas do universo de Xogo de Tronos que nada teñen que ver co Samaín.

Comentarios