SOCIAL

O Goberno español non desbota outro brote da COVID-19 e chama á responsabilidade no desconfinamento

Interior dun hospital (JCCM/EP).
O ministro de Sanidade insta a seguir as recomendacións de distancia, protección e hixiene no desconfinamento para evitar un novo abrocho do coronavirus, que "non é descartábel". O Exército español prevé dúas ondas máis da pandemia da COVID-19 e sinala que se poderá recuperar a normalidade no prazo dun ano ou un ano e medio. 

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, asegura que "non é descartábel" un segundo brote da COVID-19 no Estado nas vindeiras semanas polo que instou a cidadanía a seguir as recomendacións sanitarias para evitar a volta a un confinamento estrito, como o que se mativo desde a declaración do estado de alarma a mediados de marzo.

"Non é descartábel unha segunda onda, o mellor é seguir as recomendacións que estamos a dar", sostivo Illa, que resaltou os "esforzos" da comunidade científica internacional para atopar unha vacina contra o coronavirus

Un documento do Exército de Terra prevé dúas ondas máis da pandemia da COVID-19 e un prazo dun ano ou un ano e medio para recuperar a normalidade, aínda que asume que ningunha vacina ofrecerá un 100% de protección nin poderá estar lista até principios de 2021.

Relacionarse e manter a seguridade

Salvador Illa referiuse a que a "nova normalidade" vaise manter até que se dispoña dunha vacina e incidiu en que hai  que "aprender a relacionarse de forma distinta".

"Se seguimos as recomendacións ao pé da letra, se usamos a máscara de forma obrigatoria no transporte público e mantemos a distancia interpersoal, é a forma máis eficaz para evitar unha segunda onda", salientou.

O ministro advertiu de que se se produce un novo brote da COVID-19 "haberá que deter o proceso de desconfinamento e, eventualmente, retroceder se así o aconsella a situación epidemiolóxica". "A chave para non retroceder é a responsabilidade individual, que nos comportemos todas dunha forma exemplar como até o de agora, seguindo as recomendacións das expertas sanitarias", evidenciou.

Nesta liña, a portavoz do Goberno español e ministra de Facenda, María Jesús Montero, instou a "manter moita precaución e as medidas de seguridade para non tirar por terra todo o conseguido até o momento".

Montero lembrou que Corea do Sur ou Alemaña sufriron novos brotes da COVID-19 na progresiva relaxación das medidas de contención do coronavirus.