Coronavirus na Galiza: 2.322 casos activos, 191 hospitalizados e 597 vítimas mortais

Persoal sanitario (Europa Press)

O número de persoas curadas da COVID-19 elévase a 7.820.

A evolución do coronavirus na Galiza continúa a ser favorábel, de termos en conta os dados que ofrece a Consellaría de Sanidade. Baixan os casos activos e o número de persoas hospitalizadas mentres aumenta o de persoas curadas da COVID-19. Tristemente, tamén aumenta, se ben a un ritmo moito menor que nos momentos máis duros da pandemia, a cifra de vítimas mortais, que se achegan xa ás 600.

O número de casos activos na Galiza baixa esta terza feira a 2.322, o que supón un descenso de 309 casos menos nas últimas 24 horas. Os dados da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sitúan as áreas de Vigo (626) e da Coruña (530) como as que teñen máis afectadas.

O resto das áreas presentan estes resultados: 133 casos na de Lugo, 362 na de Ourense, 123 na de Pontevedra, 461 na de Santiago e 87 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 25 permanecen en UCI, o que supón un menos que na xornada anterior, e 166 están en unidades de hospitalización (eran 191 na segunda feira).

Hai 2.131 pacientes con atención no domicilio. Polo de agora, na Galiza hai un total de 7.820 persoas curadas, rexistrándose 597 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 117.001.

Residencias de anciás

No que atinxe ás residencias de anciás, hai 527 casos activos, dos que 314 son de persoas usuarias mentres que 213 son de traballadoras e traballadores.

No que atinxe a falecementos, son 269: 132 en residencias e 137 en hospitais e residencias integradas.