O Sergas habilita unha plataforma tecnolóxica de rastrexo da COVID-19

Os rastrexadores identificarán novos casos sospeitosos (Europa Press).

De entrada, 20 operadoras encárganse do seguimento de novos casos sospeitosos e dos seus contactos.

A Consellaría de Sanidade puxo en marcha onte a plataforma tecnolóxica de seguimento coa que rastrexará e monitorizará os contactos das persoas infectadas polo coronavirus.

Segundo informa a Administración galega, o servizo estará integrado por un equipo de 20 operadoras mais prevé chegar aos 50 profesionais nas próximas semanas.

Casos sospeitosos e contactos

O sistema tecnolóxico de rastrexo empregado na Galiza para identificar posíbeis novos casos de infeccións por coronavirus contará cun protocolo único, e encargarase de localizar e falar con cada unha das persoas que mantivesen contacto cun caso positivo por COVID-19.

Despois dunha consulta médica, presencial ou telefónica, na que o facultativo diagnostique o paciente como caso sospeitoso de coronavirus, solicitaráselle unha proba PCR.

Sanidade non informa de quen se vai encargar de recabar a información orixinal nin desde onde.

Entón, esta plataforma activará unha enquisa inicial a esta persoa con sintomatoloxía de COVID-19 e solicitaralle os datos dos individuos cos que puido manter contacto estreito desde dous días antes do inicio dos síntomas até o momento do seu illamento. No caso de que o resultado da proba PCR sexa positivo, pediráselles que garden corentena durante 14 días desde o último contacto con esta persoa.

Seguimento diario

Neste momento, comezaría, ademais, un seguimento diario co fin de detectar a posíbel aparición de sintomatoloxía compatíbel coa COVID-19. De se presentar estes síntomas, as operadoras derivarán as doentes ao seu médico. Estas persoas pasarían a ser casos sospeitosos e polo tanto activaríase de novo todo o protocolo coa solicitude da proba PCR, illamento e investigación de novos contactos.

Sanidade asegura que o sistema de rastrexo galego será monitorizado diariamente por técnicos de Saúde Pública, mais non informa de quen se vai encargar de recabar a información orixinal nin desde onde, e tampouco do tratamento que van facer dos datos sociais e sanitarios da poboación.