O Goberno español desbota rescatar a AP-9 e que sexa libre de peaxes

O Executivo cingue ao Congreso o debate sobre o traspaso da AP-9 e deixa fóra a comisión mixta coa Xunta.

O Goberno español cingue o "debate" sobre o traspaso da AP-9 a Galiza á proposición de lei que iniciou a súa tramitación parlamentaria no Congreso, de maneira que deixa fóra esta cuestión da vía máis directa, que sería a da comisión mixta Xunta-Estado.

Concretamente, nunha resposta remitida ao Grupo Popular no Senado, a preguntas dos senadores galegos, sobre o traspaso da titularidade da autoestrada, o Executivo que dirixe Pedro Sánchez contestou que o Congreso ten aberto o trámite da proposta lexislativa remitida por Galiza.

"En consecuencia, iniciada a tramitación parlamentaria, é neste ámbito no que procede definir os termos da transferencia", responde o Goberno, nunha contestación con data do 13 de abril, é dicir, desta mesma semana.

Precisamente, esta mesma semana, o Parlamento galego aprobou, coa unanimidade dos tres grupos -PP, BNG e PSdeG- unha iniciativa impulsada polos nacionalistas e na que os tres partidos volveron votar a favor da demanda conxunta, posto que a normativa que se tramita no Congreso entra "en tempo de desconto". Así, a iniciativa tiña o obxectivo de "garantir a aprobación do traspaso no prazo máis rápido posible".

Rescate da AP-9

Noutra resposta ofrecida aos senadores galegos do PP esta semana -adiantada por Faro de Vigo-, e sobre a cuestión de analizar xuridicamente a posiblidade de revisar e deixar sen efecto a prórroga da concesión da AP-9, atendendo ao requirimento da UE, o Goberno español contesta que "esta cuestión está actualmente en estudo na Comisión Europea como consecuencia dun procedemento de infracción iniciado en setembro de 2021" e aínda "non foi concluído", de forma que os expedientes están baixo sumario.

Así, o Goberno espaol  "non ten previsto actuacións que poidan afectar á relación contractural da concesión actual".

En resposta a outra pregunta, sobre os estudos necesarios para que a AP-9 sexa libre de peaxes "canto antes", o Executivo estatal advirte que "supón un elevadisimo custo para a Administración" e que as autoestradas de peaxe están reguladas por unha normativa específica con dereitos e obrigas.

"A supresión unilateral do devandito dereito, non só racharía o equilibrio económico financeiro da concesión que a Administración vén obrigada a manter, co consecuente pago de indemnizacións se o desequilibrio se produce por decisión da mesma (Administración); senón que tamén desvirtuaría a propia natureza contractural, ao revogar o dereito esencial dunha das partes (o dereito para recibir a prestación económica pactada)".

Na resposta por escrito, tamén con data do 13 de abril, abórdase tamén a posibilidade de aplicar na AP-53 bonificacións de peaxe similares ás aprobadas na AP-9, pero di o Goberno español "que non é este caso comparábel a funcionalidade da autoestrada AP-9, eixo vertebrador da Galiza, coa autoestrada AP-53".