Goberno español e autonomías votan esta terza feira se aprobar o novo modelo de residencias

Residencia de maiores de Domus VI en Aldán, Cangas (Imaxe: Domus Vi)
9 autonomías rexeitaron a anterior proposta do Executivo estatal.

O Ministerio de Dereitos Sociais e para a Axenda 2030 sentarase esta terza feira coas autonomías na reunión do Consello Territorial de Servizos Sociais para tentar acordar un novo modelo de residencias, despois de que a súa primeira proposta fose rexeitada por varias destas autonomías.

O secretario de Estado de Dereitos Sociais, Nacho Álvarez, afirmou que as comunidades autónomas "van estar á altura" e votarán a favor do novo documento.

O ministerio levou o pasado 25 de maio o documento de proposta ao Consello Territorial, mais non conseguiu pechar un acordo para a súa aprobación.

Entre as autonomías que mostraron o seu rexeitamento atopábanse Madrid, a Galiza, Andalucía, Murcia, Ceuta (presididas polo PP), Castela A Mancha, Estremadura (presididas polo PSOE), Euskadi e Catalunya. Pola súa parte, Castela e León e Asturias mostraron a súa intención de absterse; e Navarra, Baleares, Aragón, Païs Valencià, Canarias, A Rioxa, Cantabria e Melilla mostráronse a favor.

Proposta "modificada" e negociada

Segundo explicou Álvarez o pasado 23 de xuño, o texto que se votará esta semana está "en boa medida modificado" tras meses de negociación con autonomías, expertos, usuarios e familias, así como sindicatos, servizos sociais e organizacións empresariais.

Ademais, respondeu a quen asegura que o financiamento do Estado español non é suficiente para pór en marcha o novo modelo de residencias de maiores, que "non é escusa" porque "hai diñeiro" suficiente.

Así, lembrou que o Goberno español, nos dous últimos anos, duplicou a contía para o sistema de dependencia e engadiu 5.000 millóns de euros adicionais nesta materia para o final desta lexislatura.

Así mesmo, apuntou que o Executivo estatal "conta coa suficiente evidencia empírica dos expertos" sobre o novo modelo de residencias que busca pór en marcha.

Necesidade dun tratamento especializado

O presidente da Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía, José Augusto García, explicou que as experiencias analizadas noutros países determinan que hai maiores efectos secundarios para os usuarios e usuarias cando hai un menor tratamento especializado e sen unidades de convivencia pequenas.

"Creo que a evidencia é clara e existe desde hai décadas, non nos estamos inventando nada", advertiu a experta en atención a persoas maiores Mayte Sancho.