O BNG considera “fracasado” o actual modelo de residencias e pide á Xunta a "xestión directa" dos centros públicos

Pontón critica que os xeriátricos galegos estean en mans "da caridade" ou de empresas como DomusVi, que fan "negocio puro e duro".

BNG residencias-min

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou o modelo de residencias de maiores instalado na Galiza, que está "fracasado" e cuxas carencias "destapou con toda crueza" a crise da Covid-19. Por iso, reclamou á Xunta que asuma "xestión directa" dos centros públicos.

A líder nacionalista compareceu ante os medios fronte á porta do xeriátrico DomusVi San Lázaro, en Compostela, para presentar dúas iniciativas que levará a formación ao Parlamento no eido da atención á terceira idade.

Por unha banda, reclamará que as sete futuras residencias proxectadas para as cidades galegas as xestione directamente a Administración galega e, por outra, que os centros que son de titularidade pública pero de xestión privada pasen, "unha vez acaben eses contratos", a unha dirección totalmente pública.

E é que, tal e como apuntou Pontón, o modelo actual está "altamente privatizado" en mans de empresas que se sitúan "en dous extremos": o do "negocio puro e duro" e o de "a caridade".

Ao primeiro modelo pertence o grupo DomusVi, que "é un dos grandes xigantes" que "quere facer negocio coa atención a persoas maiores". Ademais, é unha entidade que, segundo lembrou a portavoz nacional do BNG, "está en mans de fondos privados, un británico e outro dos Emiratos Árabes Unidos, e dun millonario francés", á vez que "ten a súa base de operacións nun paraíso fiscal como a Illa de Jersey".

En canto á caridade, Pontón mencionou a Fundación San Rosendo, que "pertence ao Bispado de Ourense", e Hermanitas de la Caridad, que tamén está vinculada á Igrexa católica e que foi "fundada no século XIX".

Fronte a iso, o BNG lanzará a súa "dobre proposta" na Cámara galega, aínda que din ser conscientes de que isto non vai mudar "dun día para outro", xa que "non hai solucións máxicas". "Pero isto non pode ser a escusa para que non empecemos a traballar canto antes", agregou a portavoz nacional.

"Se algo nos ensinou a Covid é que hai que cambiar o modelo. Non podemos seguir, na Galiza do século XXI, deixando o dereito á vellez digna en mans dunha empresa que quere obter lucro e opera en paraísos fiscais, nin tampouco no ámbito da caridade. Os dereitos débenos garantir as administracións públicas a través de servizos públicos", subliñou.

Preguntada polos medios sobre o gasto que suporía a xestión directa destes centros por parte da Xunta, Pontón dixo ver "curioso" que, ao falar de servizos públicos, "sempre se pon en cuestión que haxa recursos".

Así, lembrou que "se destinaron máis de 50.000 millóns de euros a salvar á banca" e que agora as administracións van recibir "unha inxente cantidade de recursos" a través dos fondos europeos. "Unha parte importante pódese destinar a cambiar un modelo e que o Estado do benestar non estea privatizado", suxeriu.

Comentarios