O Goberno do Estado español paraliza a reforma da Selectividade

Alumnado na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, esta terza feira, nunha das probas da Abau. (Foto: Arxina)

Após a convocatoria das eleccións estatais do 23 de xullo, o Ministerio de Educación español freou a aprobación do borrador do Real Decreto que regularía a nova Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU), cuxa aplicación comezaría en xuño de 2024.

O Ministerio de Educación do Estado español vén de paralizar a aprobación do borrador do Real Decreto que regularía a nova ABAU, cuxa aplicación ía comezar en xuño de 2024, tras a convocatoria das eleccións xerais o 23 de xullo.

Con esta medida, o Executivo de Pedro Sánchez deixa en mans do próximo Goberno “sexa do PSOE ou do PP” a súa aplicación, se ben precisou que o borrador do Real Decreto está “completamente tramitado”.

O Executivo español subliñou tamén que “se paraliza”, mais “non se apraza” a posta en marcha da nova proba de acceso á Universidade até 2025.

Segundo Educación, isto débese a que non se pode aprazar porque a Lomloe (a Lei de educación vixente) estabelece que a nova ABAU ten que estar en vigor en xuño de 2024.

Novidades na proba

De entre as novidades que propón o novo Real Decreto da ABAU estaría a duración de cada un dos exames, que pasa dos 90 minutos actuais a 105. Porén, descarta finalmente a proba de madurez académica prevista inicialmente e que foi fortemente contestada.

O resultado da nova selectividade suporá 40% da nota para o acceso á universidade, representando o Bacharelato 60% restante.

O novo Real Decreto que o Ministerio de Educación paraliza agora ante a convocatoria de novas eleccións estatais, deixaría nas mans da Xunta da Galiza a decisión de estabelecer, ou non, a obrigatoriedade de que o alumnado se examine da materia de Lingua Galega e Literatura II.