Xuízo do Alvia

O 'caso Alvia', visto para sentenza: Cortabitarte e Garzón renuncian á última palabra na derradeira sesión

O maquinista, Francisco Garzón, á saída da última sesión do xuízo do Alvia. (Foto: César Arxina /Europa Press)
As defensas de ambos os acusados, Andrés Cortabitarte —ex director de Seguridade de Adif— e Francisco Garzón —o maquinista— no xuízo polo accidente do Alvia culpáronse mutuamente e sinalaron como único responsábel ao contrario.

O ex director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, e o maquinista, Francisco Garzón, renunciaron na derradeira sesión do xuízo polo accidente do Alvia en 2013 a facer uso do seu dereito a pronunciar a última palabra na vista e o caso quedou, así, visto para sentenza. O xuízo prolongouse case dez meses desde que principiara en outubro do pasado ano. Esta segunda feira foi o décimo aniversario do tráxico sinistro no que perderon a vida 80 persoas e outras 145 resultaron feridas de diversa gravidade.

Pasadas as 14 horas de hoxe, e tras unha longa última sesión do proceso, a xuíza Elena Fernández Currás cedeulles a palabra a ambos os acusados no xuízo, e en primeiro lugar sinalou que renunciaba ao seu dereito Cortabitarte. Tras el, o Garzón afirmou que desbotaba "tamén" facer uso da última palabra, após as intervencións das defensas de ambos os dous que pediron a absolución dos seus respectivos clientes e culparon unicamente os contrarios.

Instantes antes, de feito, concluía a súa intervención o avogado do maquinista Garzón, que lembrou que o seu representado pediu perdón en varias ocasións ás vítimas, momento no que este se emocionou e tivo que secar as bágoas cun pano, unha escena que xa se producira en anteriores sesións do xuízo, decorrido na Cidade da Cultura de Santiago.

A semana pasada, pola súa parte, Avogacía do Estado, que representa Adif, sinalou que "é difícil pedir por algo do que non te sentes responsábel". E esta quinta feira, o letrado defensor de Cortabitarte considerou que durante o proceso se "buscou" resposabilizar o seu cliente e presentalo como "un vilán".

Tras case dez meses de xuízo, eran as 14.07 horas cando a maxistrada ditou o visto para sentenza. "Tratarei de estar á altura", afirmou. A resolución prevese no horizonte da primavera de 2024, pois tardará varios meses en analizar as múltiples probas achegadas e os centos de testemuñas que participaron no que foi o xuízo coa maior despregadura de medios, técnicos e humanos, do presente século.

Ás portas do edificio Cinc da Cidade da Cultura concentráronse a primeira hora desta quinta feira vítimas e familiares das máis dun cento de persoas que viaxaban no tren Alvia en dirección Santiago o 24 de xullo de 2013. As vítimas, que esta segunda feira conmemoraron o décimo aniversario do sinistro exixindo "xustiza", portan hoxe de novo carteis cos que denuncian as "mentiras" que percibiron durante o xuízo por parte da Fiscalía e a Avogacía do Estado. Reclaman, como ao longo de todos estes anos, que se saiba "a verdade" do descarrilamento e que se diriman as correspondentes responsabilidades.

Para as vítimas, en contra do criterio que finalmente adoptou o fiscal Mario Piñeiro, Cortabitarte é culpábel porque "non cumpriu co seu deber de garantir que a liña [entre Ourense e Santiago] fose segura", en relación co sistema de freado 'ERTMS', ausente na curva de Angrois, en Santiago. Algo que para a defensa, tal e como reiterou esta quinta feira, non tivo "relevancia causal", porque "era máis seguro circular con 'Asfa' que cun 'ERTMS' que daba fallos", e "non requiría análise de riscos porque o risco de 'Asfa' xa estaba previsto".