O gando, aliado no monte fronte aos incendios

Gando vacún da cooperativa A Carqueixa pastando nos Ancares (Imaxe: A Carqueixa).
O modelo de monte multifuncional, no que se combinan os usos forestais cos gandeiros ou agrícolas, vén sendo amplamente investigado polas universidades galegas mais escasamente posto en práctica fronte a firme aposta polos monocultivos de eucalipto e piñeiro. Ante o aumento dos grandes incendios forestais e o avance climático, voces expertas reforzan as súas recomendacións de mirar cara este modelo, potencial aliado para combatelos. 

No segundo mes da tempada de alto risco de incendios forestais, Galiza continúa a arder. A Consellaría de Medio Rural informou, con datos das 13.30 horas de onte, de que dous lumes permanecen nos municipios de Lobios e de Muíños, afectando á Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés. Na mesma xornada, o concello de Cercedo-Cotobade rexistrou nove incendios nunhas poucas horas; os cinco primeiros na segunda feira e os catro segundos na terza. Tres deles prenderon nun intervalo de apenas dez minutos.

Detrás da cuestión dos incendios está a de cal é o problema do monte galego, reflexiona Rosa Mosquera

"Detrás da cuestión dos incendios está a de cal é o problema do monte galego", reflexiona a doutora en Ciencias Biolóxicas Rosa Mosquera en conversa con Nós Diario. As respostas e solucións a este interrogante foron desenvoltas desde hai décadas por investigadoras e investigadores do país, persoal dos dispositivos de prevención e extinción de incendios, colectivos ecoloxistas, e profesionais dos eidos forestal, agrícola ou gandeiro. 

Montes máis diversos

Nesta procura de respostas, xorden propostas con puntos comúns, como as que urxen á diversificación do monte, combinando usos agrarios e gandeiros ademais dos forestais. Mosquera traballa no grupo de investigación de Sistemas Silvopastorais da Universidade de Santiago de Compostela (USC), fundado nos 70 polo profesor Antonio Rigueiro. Unha liña "ben desenvolvida" e escasamente aplicada.

Outro equipo da USC liderado polo investigador Adrián Regos determinou que o cambio climático e mais abandono das actividades silvopastorais tradicionais están intimamente relacionados "co crecente impacto do incendios forestais nas paisaxes do sur de Europa". Fíxoo no marco dun estudo no que procuraban solucións para os incendios que asolagan cada ano, como neste 2020, o parque do Gerês-Xurés.

A estrutura que se propón nestes proxectos racha coas extensas e continuas masas forestais en réxime de monocultivo que favorecen o rápido avance dos incendios unha vez prenden. E procuran unha saída á biomasa que medra nos meses de primavera, que é aproveitada polo propio gando. Unha biomasa cuxa acumulación tamén favorece a virulencia das lapas.

As políticas agrícolas orientadas nesa dirección contriburían a reverter o abandono do rural

O traballo de Regos amosa como unhas políticas agrícolas que protexan e favorezan as actividades agropastorais no Gerês-Xurés poderían reducir á metade o terreo afectado polos grandes incendios forestais que se prevén entre 2030 e 2050 de acordo co réxime histórico. Nun comunicado, especifican que as políticas orientadas nesa dirección contribuirían ademais a reverter o abandono do rural.

Mais a diversificación non ten que chegar unicamente desde as apostas agrícolas ou gandeiras, advirte Mosquera. "A biomasa pode empregarse para producir fertilizantes, celulosa para papel, fibras para o sector téxtil ou incluso cosmética", apunta, poñendo por exemplo unha investigación desenvolta na Universidade de Vigo que emprega o ourizo das castañas para elaborar bases para cosméticos.

Serafín González, científico do CSIC no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas da Galiza e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, matiza que a volta a un monte máis diverso debe acompañarse dunha política de sensibilización contra o  uso do lume para producir pastos. "Hai que recuperar a paisaxe mosaico, pero non esta ferramenta que deriva en incendios descontrolados", agrega. 

Dificultades na aplicación

"Se o modelo é tan bo, por que non se pon en práctica?", cuestiona de novo Rosa Mosquera. Nese senso, a investigadora explica que o seu grupo consultou a gandeiras e gandeiros do país. Estes destacaron a falta de coñecementos á hora de combinar especies arbóreas e tipos de gando, botando en falta un maior apoio á hora de deseñar plans de negocios. Tamén a necesidade de que a poboación "tome conciencia de que a alimentación ten que estar vinculada a un uso sostíbel do territorios", cunha aposta polo desenvolvemento de mercados máis xustos, así como dunha educación desde a infancia sobre a importancia do monte.

Os cartos que se gastan en extinción deberan destinarse ao desenvolvemento sustentábel do territorio, si Serafín González

Rosa Mosquera e Serafín González apuntan a outra cuestión: a provisión de servizos para quen vive no rural. "Os cartos que se gastan en extinción deberan destinarse ao desenvolvemento sustentábel do territorio", di o segundo. A primeira concreta a necesidade de "manter escolas, despregar unha boa conexión a internet ou achegar unha oferta cultural á poboación". 

As consecuencias do lume

No camiño cara a un monte máis diverso, González non ignora que a meirande parte dos incendios do país son provocados, mais apunta a eivas nas políticas punitivas da Xunta. "Nunca se explicaron á cidadanía as repercusións do lume, os danos á flora, á fauna, a perda de vidas humanas, a contaminación das reservas de auga, dos ríos e dos encoros nos que remata a cinza e o carbón. Hai que facer chegar esta información, sensibilizar á cidadanía sobre os problemas que implica cada vez que o monte arde", conclúe.  

Hai que facer chegar esta información, sensibilizar á cidadanía sobre os problemas que implica cada vez que o monte arde, conclúe González