Rosa Mosquera, doutora en Ciencias Biolóxicas: "Ten que haber unha ligazón entre o que consumimos e o coidado do territorio"

Rosa Mosquera, Presidenta da Federación Europea de Sistemas Agroforestais (USC)

Rosa Mosquera, doutora en Ciencias Biolóxicas e profesora da USC, leva anos estudando a mellora dos sistemas agroforestais para que sexan sostíbeis. Agora está a preparar un curso que en setembro mostrará as últimas experiencias que, sobre o territorio, demostran que as queimas controladas e o pastoreo poden reducir ao mínimo os incendios nos bosques da Galiza. 

En que consiste un bo emprego do terreo agroforestal?

Na Galiza debería primar o sistema silvopastoral, que é unha mestura de árbores e arbustos con pasto que alimenta o gando. No resto de Europa pode variar e ter máis presenza o cultivo agrícola. Aquí  o que predomina con máis de 70% é o terreo forestal. Por ese motivo debe primar a introdución de gando no monte. Tería que ser o que se adapte ao tipo de alimento que ten cada masa forestal.

E facémolo?

Os sistemas agroforestais, en xeral, están moi pouco aproveitados en Europa. Todas as organizacións saben da súa gran valía por proporcionar servizos ecosistémicos, redución de risco de incendios, mellorar o uso dos nutrintes dentro das explotacións, aumento da rendibilidade das mesmas por xerar máis produtos, mais non están abondo implementados. En Europa sería 10% de todo o que son zonas de pastos, silvipastoreo, e 0,01% en cultivos agrícolas. Na Galiza tamén está pouco implementado mais onde se fixo vemos as vantaxes que ten. Temos exemplos en Viana do Bolo ou nos Ancares, tamén en zonas costeiras como Moaña. Neses exemplos cando hai incendios o lume para. Ademais, obteñen rendas de moita mellor calidade con recursos propios e non mercando fóra. 

Fala vostede de volver ao pasado?

Si, mais de maneira distinta. Agora temos un maior coñecemento tanto desde unha perspectiva de facer negocio como de xestión forestal, de solo e de gando. Explotacións familiares con dúas ou tres cabezas de gando, moi pequenas para que dea rendibilidade, e agora son máis grandes e hai máis coñecemento de como xestionar as súas terras.

Porque non se pon en marcha logo?

Fixémonos esa pregunta no proxecto europeo Afinet onde realizamos 900 enquisas, entre agricultores e gandeiros até do mundo da política. A resposta é que ese coñecemento que temos dos seus beneficios non chegou ás persoas que o teñen que pór en marcha. Hai moitas dúbidas. Algunhas son técnicas, que se solucionarían con cursos, e outras teñen que ver coa súa valoración económica.

Neste segundo caso habería que realizar plans de negocio. Por exemplo, se quero producir biomasa da parte aérea para que me entre máis luz e teño pasto ou producir máis leña, teríamos que ter unha cadea de valor de subministración ben definida para que se recolla ese material para ser usado como enerxía renovábel nos fogares e iso non está moi desenvolvido. Outro aspecto importante é como se integran os sistemas agroforestais.

Se eu planto castiñeiros tería que empregar protectores? Que parte da explotación debería telos? Por ese motivo é primordial un plan de negocio. O terceiro aspecto que salientaron, sobre todo explotacións gandeiras da Galiza, é que o consumidor final debe coñecer mellor a zona rural de onde proceden os produtos que comen. Saber se se produciron dunha maneira sostíbel ou non. Saber se teñen pesticidas, por exemplo, algo que nas explotacións saben. Ten que haber unha ligazón entre o que consumimos e o coidado do territorio e da paisaxe.

Hai territorios que si o aproveitan?

Si. No Estado español, por exemplo, en Estremadura, onde está desenvolvida a cadea de valor na paisaxe, con poucos incendios malia o maior grao de aridez que teñen. Aquí temos ensaios para aumentar a biodiversidade, colaborando coa cooperativa Carqueixa dos Ancares e coa Comunidade de Montes de Rao, para ver as posibilidade de recuperar zonas para pastoreo e, polo de agora, con moi bos resultados.