A gandaría intensiva, principal foco de emisión de gas metano

O sector gandeiro é o responsábel do aumento das emisións de metano e aluminio. (Foto: Europa Press)
A presenza do metano creceu 8% e a de amoníaco 5% desde 1990

As emisións da maioría dos gases contaminantes atmosféricos reducíronse na Galiza nas últimas tres décadas. Así o recolle o informe elaborado polo ecoloxista e biólogo Xosé Veiras, do Observatorio Galego de Acción Climática (Ogacli), que se basea nos datos do inventario do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

O informe As emisións de contaminantes atmosféricos na Galiza (1990-2020) revela que estas baixaron en maior medida que as emisións de gases de efecto invernadoiro. Se ben resulta común equiparar ambos os tipos de gases, non son sinónimos. Os gases de efecto invernadoiro son substancias naturais cuxa cantidade aumentou a raíz da actividade humana, como o dióxido de carbono (C02) ou o metano (CH4). Porén, os gases contaminantes son aqueles que, ao liberárense no aire, poden ter efectos nocivos para a saúde, como o óxido de xofre (SOx) de nitróxeno (NOx), o amoníaco (NH3) ou o propio metano, presente en ambos os grupos.

Veiras explica a Nós Diario que a principal descuberta deste informe é a importante baixada das emisións de gases contaminantes, que foi debida á caída das emisións no sector enerxético a raíz das melloras no control da contaminación das centrais térmicas. Algúns dos gases que máis se reduciron foron o óxido de xofre, cuxas emisións descenderon en 98%, e o monóxido de carbono, cunha baixada de 59%.

A razón deste descenso foi a redución da produción eléctrica con carbón, “que era a principal causa de emisión de gases de efecto invernadoiro até 2018”. Segundo explica Veiras, outro factor relevante tamén foi a restrición da mobilidade a raíz da pandemia da Covid-19; un caso “puntual” que se recuperará nos próximos informes de 2021 e 2022 nos que, se ben “non volveremos aos niveis de 2018, haberá unha repunta”.

Estes dous factores permitiron que as emisións de gases de efecto invernadoiro minguaran 36% con respecto a 1990, unha redución que, como indicou Veiras, se produciu en cuestión de dous anos. Porén, este dato afástase do 65% que se debería conseguir en 2030 segundo o Acordo de París, un obxectivo que, opina o biólogo, “non vai poder ser”. “No caso dos gases contaminantes atmosféricos, é posíbel reducir as emisións a través de melloras tecnolóxicas”, explica Veiras. Porén, non ocorre así cos gases de efecto invernadoiro, “asociados de maneira intrínseca a un uso intensivo de combustíbeis fósiles”, pois a única forma de reducir estas emisións é “deixando de producir”.

Aumentan as emisións de metano e aluminio

Aínda que, de maneira xeral, se reduciran as emisións de gases nocivos, hai dous casos nos que aumentaron: o metano (en 8%) e o amoníaco (5%). Veiras explica no informe que o sector responsábel deste aumento é o agrícola e o gandeiro; “unha materia pendente na loita contra a crise climática”.

No caso do metano, esta suba ten que ver coa fermentación anaerobia do gas debida á dixestión do gando dominante, no caso da Galiza o vacún. En canto ao amoníaco, está relacionado coa xestión de residuos gandeiros e coa aplicación de fertilizantes. Este é un gas acidificante que contribúe á formación de partículas finas, prexudiciais para a saúde porque penetran nos pulmóns. A pesar de que se reduciran en 46% “no país supéranse os límites recomendados pola OMS de concentración de partículas finas no aire”, sostén Veiras.

As macrogranxas contaminan máis que o sector enerxético

Segundo o informe elaborado polo biólogo Xosé Veiras e publicado hoxe polo Observatorio Galego de Acción Climática (Ogacli), As emisións de contaminantes atmosféricos na Galiza (1990-2020), de entre os principais contaminantes atmosféricos, só o metano -cun aumento de 8,1%- e o amoníaco -de 4,8%- experimentaron unha repunta desde 1990, ambos os dous derivados principalmente da actividade agrícola e gandeira.

Estas cifras son resultado “dunha gandaría intensiva predominante na Galiza”, que conseguiu superar ao enerxético como sector “máis contaminante”, asegura Veiras a este xornal. Os demais, nunha maior ou menor proporción, minguaron neste tempo. É o caso dos compostos orgánicos voláteis non metánicos -cun descenso de 34,2%-, presentes sobre todo no sector agrogandeiro e mais en disolventes e outros produtos. 

Neste contexto, unha das medidas que propón nas conclusións o estudo é “a aposta pola gandaría extensiva e ecolóxica en detrimento da intensiva”. Ademais, para combater a emerxencia climática, “urxe reducir as emisións á atmosfera” e “acelerar a transición enerxética”, principalmente, evitando o uso “da mobilidade motorizada”. Así, Veiras sostén que “aínda hai que conseguir obxectivos máis ambiciosos para poder gozar dun aire limpo que non sexa nocivo para a saúde”.