Máis de 800 colectivos asinan contra as macrogranxas

"A gandaría intensiva non fixa poboación no rural e ademais contribúe ao seu despoboamento polos seus graves efectos nos lugares onde se instalan", advirte a coordinadora estatal Stop Gandaría Industrial.
Imaxe de arquivo dunha macrogranxa de vacas (Foto: Pedro Armestre).
photo_camera Imaxe de arquivo dunha macrogranxa de vacas (Foto: Pedro Armestre).

A coordinadora estatal Stop Gandaría Industrial, formada por máis de 50 plataformas veciñais de todo o Estado, difundiu a pasada semana unha carta dirixida ao Goberno estatal na que pide a fin das macrogranxas.

Esta segunda feira, segundo afirmou a organización, superáronse as 800 sinaturas de diferentes colectivos. O prazo para adherirse ao comunicado remata esta cuarta feira, 19 de xaneiro, ás 12 horas.

"Nos últimos anos somos testemuñas do avance desmesurado e descontrolado da gandaría industrial no Estado, que está a contribuír a serios impactos ambientais, económicos, demográficos e de saúde pública no rural", apuntan na misiva.

Porén, salientan, "estamos a tempo de evitar consecuencias aínda máis dramáticas e irreversíbeis", mais para iso "precísanse urxentemente accións valentes e contundentes" baseadas nas evidencias científicas.

Neste senso a coordinadora lembra que as macrogranxas son o terceiro maior emisor de gases de efecto invernadoiro, "superando o límite legal de emisións tóxicas de amoniaco e sendo a responsábel de 94% das emisións en 2020".

Aliás, "a gandaría industrial é responsábel da contaminación media por nitratos das augas subterráneas, que en só catro anos aumentaron 51,5%".

O modelo de gandaría intensiva, destacan, "non fixa poboación no rural e ademais contribúe ao seu despoboamento polos seus graves efectos nos lugares onde se instalan". "Segundo un estudo —proseguen—, en tres de cada catro casos os municipios con macrogranxas perden máis poboación ou gañan menos que aqueles análogos que non abranguen explotacións industriais".

Comentarios