Gallardón non recúa: o taxazo xudicial entra en vigor

Facenda xa ten listos os formularios que faltaban para comezar a cobrar o tributo de acceso á Xustiza, que se aplicará con todas as organizacións de profesionais e as forzas parlamentares en contra, agás o PP. Os dous recursos que a familia do vigués David Reboredo presentou para evitar o seu ingreso en prisión, ao ter superada a adicción ás drogas, custarían hoxe 2.400 euros. As persoas estafas polas preferentes que vaian pola vía civil pagarán 940 euros. As mulleres en situación de violencia machista tamén pagarán as taxas


O taxazo xudicial de Gallardón é xa unha realidade. Acudir á xustiza é desde esta segunda feira máis cara após a publicación o sábado no BOE --Boletín oficial do Estado-- da orde do ministerio de Facenda pola que se aproba o modelo de autoliquidación e de solicitude de devolución das taxas que toda persoa deberá pagar para presentar unha demanda ou un recurso perante unha instancia superior de non concordar cunha sentenza.

A lei de taxas entrou en vigor o 20 de novembro. Porén, non se estaba a aplicar porque Facenda non tiña deseñados os formularios correspondentes. Este lapso temporal foi interpretado como intencionado por parte do ministro, continuando no aire a posibilidade de que recuase cando menos nalgunhas das cantidades.

Sen máis apoios que os seus propios

E é que as novas taxas foron aprobadas coa oposición de tod@s @s profesionais da xustiza --18 asociacións--, e coa protesta de todo o arco parlamentar agás o PP. Até os e as xuizas conservadoras, agrupadas na Asociación profesional da maxistratura, instaron a Gallardón a aplicar impostos aos bancos "e entidades que usan a xustiza para fins máis privados", manifestando a súa disconformidade coa lei que agora entra en vigor porque "impide o acceso da cidadanía á xustiza".

Outros colectivos téñense queixado de que as taxas son contrarias ao dereito da UE por seren unha sorte de 'cláusula abusiva', e o fiscal xeral do Estado, Eduardo Torres-Dulce, puxo riba da mesa a posibilidade que a norma sexa inconstitucional ao considerar que algúns dos tributos contemplados "desbordan a posición do Tribunal Constitucional".

A fenda da desigualdade, cada vez máis aberta

Con todo, o titular de Xustiza tirou para adiante, gravando con até 1.200 euros a interposición dun recurso de casación perante o Supremo. Explicado cun exemplo, a familia de David Reboredo, o veciño de Vigo que solicitou dous indultos contra outras tantas condenas ao cárcere ao se atopar completamente rehabilitado após sufrir unha adicción ás drogas, tivo que recorrer diante do Supremo as dúas resolucións ditadas pola sección 5ª da Audiencia de Pontevedra, pois contra tales ditames só cabe a casación. A 1.200 euros por recurso, a familia tería que desembolsar a día de hoxe 2.400 euros para exercer o seu dereito á tutela xudicial.

A orde do penal é a única que fica excluída do taxazo, que se aplica por primeira vez no eido laboral. Só o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, gabou a medida de Gallardón ao considerar as novas cantidades "sensatas e equilibradas". Para o resto de forzas políticas con representación no Congreso as tasas son anticonstitucionais e abren máis aínda a fenda da desigualdade da cidadanía diante da lei.

O tributo para acceder á xustiza foi anulado en 1986 polo PSOE e recuperouno Aznar (PP) en 2003, aínda que unicamente para as grandes empresas. Colocando máis exemplos, recorrer unha multa de tráfico custará 200 euros, sexa cal for a contía da sanción. E unha persoa afectada pola estafa das preferentes que ten que ir pola vía civil ao non darlle a razón polo penal --exento de taxas--, abonará pola volta de 940 euros para reclamar 128 mil.

Freo na loita contra o terrorismo machista: as mulleres maltratadas si que pagarán

O taxazo de Gallardón freará tamén as demandas relacionadas co terrorismo machista. Aínda que a ministra de Sanidade, Ana Mato, aproveito o Día internacional de loita contra a violencia machista para anunciar que as mulleres maltratadas con crianzas ao cargo non terían que abonar tributo ningún, tal anuncio non se axusta á realidade.

Dunha banda, cómpre lembrar que os procesos penais enxuizados nos tribunais de violencia machista --unha demanda por agresión ou unha orde de afastamento-- ficaban xa exentos e seguirán así por ser denuncias que se tramitan na orde penal. Doutra banda, estaban tamén exentos os xuizos pola custodia das crianzas ou a pensión alimenticia. Porén, de aquí en diante terán que pagar a taxa correspondente aquelas mulleres sen fill@s ao cargo que queiran divorciarse, disolver un matrimonio de bens gananciais, pedir unha indemnización ou unha pensión compensatoria.

Desde a Asociación de mulleres xuristas Themis alertaron de que nin sequera todas as mulleres con crianzas ficarán exentas das taxas, pois "só se exclúen os procedementos civís sen contido económico", isto é, as peticións de custodia e as reclamacións de pensións por alimentos para fill@s menores de idade. Se @ fill@ é maior de idade haberá que pagar o tributo, aínda que dependa economicamente da nai.

Non é todo. O Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do Consello xeral do poder xudicial apuntou tamén que o imposto disuadirá moitas mulleres en situación de violencia machista de iniciar os trámites do divorcio, pois só fican exent@s de taxas aquel@s cidadá(n)s cuns ingresos inferiores a 1.100 euros por unidade familiar. O divorcio custará 300 euros se hai acordo e 800 en apelación.