A Xustiza, para quen poida pagala

De 0 a 500 euros. É o incremento da taxa xudicial para presentar recurso contra un ERE. Analizamos a contrarreforma da segunda instancia que procura o PP español e que grava por vez primeira os preitos laborais

Na súa estrea parlamentar como ministro, o titular español de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón, anunciou tres contrarreformas: recuperar o control conservador do Consello xeral do poder xudicial, modificar a lei do aborto para volver a un modelo similar ao de 1985 e subir as taxas que cómpre pagar á hora de presentar un recurso en segunda instancia até prezos privativos. Pese á oposición política e social, semella que as tres sairán finalmente adiante.

Sobre a cuestión das taxas, cómpre dicir que existen no Estado español desde 2003, aínda que até o de agora só as pagaban as empresas, e non todas. Explica a avogada Montse Calvo que "estaban previstas unicamente para volumes de facturación superiores a un millón de euros anuais, polo que pagaban as grandes, como Telefónica". Porén, no anteproxecto de lei que Gallardón sacou adiante, este pagamento na xustiza esténdese a todas as empresas, e a todas as persoas físicas. E as taxas subiron.

Segundo o texto, un recurso de apelación, que agora custa 300€ para as grandes empresas, pasará a custar 800€ e pagaraos calquera que o interpoña "e con carácter previo, polo que é unha barbaridade que implica que quen non teña eses cartos non poderá recorrer unha resolución que considera inxusta", apunta Calvo.

Un recurso de casación perante o Supremo pasa dos 600€ aos 1.200€. A xurisdición penal fica excluída —non tiña taxas e seguirá sen as ter—, mais por primeira vez, coa xurisdición civil —preitos entre particulares— e a contencioso administrativa —preitos coa administración pública—, aquela de carácter social, isto é, o dereito laboral.

Pagar pola defensa da clase obreira
Recorrer unha sentenza sobre un expediente de regulación de emprego "non custa nada", mais Gallardón ten previsto que custe 500€. E se a apelación chega ao Supremo, entón serán 750€. As taxas non se devolverán en ningún caso, aínda que a parte que perda o preito será condenada a costas e deberá asumir tamén este tributo.

De querermos ver as implicacións reais do que suporán estes prezos para a clase obreira, cómpre comezar dicindo que "a maioría das sentenzas se recorren" no laboral, segundo confirma o tamén avogado Héctor López, quen apunta que presentar recurso perante o Supremo "é frecuente tamén".

Con todo, actúa en boa parte dos litixios como instancia final, ao ser o xulgado do Social e o de Instrución o vieiro habitual dunha demanda. Aínda así "funciona como garantía", remarca López. Amb@s @s letrad@s cadran na importancia de que todas as instancias xudiciais funciones "pola propia calidade das sentenzas e a necesidade de unificar criterios", o que comunmente se denomina sentar xurisprudencia.

Unha xustiza amputada
"A xustiza é lenta porque hai moitos preitos, mais a solución é habilitar máis medios técnicos e humanos, non pór pexas para limitar os preitos", acrecenta López. Seguidamente, valora a contrarreforma do PP español na liña en que supón "solventar o problema da maneira máis estúpida que existe".

Expón Montse Calvo, e coincide Héctor López, que o obxectivo último da modificación das condicións —económicas— de acceso á segunda instancia é "un efecto disuasorio evidente", que aboca as persoas con menos recursos a desistir das ansias de litigar. Volvendo ao eido laboral, "a meirande parte dos preitos son por indemnizacións inxustas após un despedimento ou porque o traballador leva meses sen cobrar", polo que dificilmente disporá das cantidades "desorbitadas" que custa exercer o dereito á defensa e a unha tutela xudicial efectiva. Cómpre matizar, en palabras de López, que tal tutela "exixe ter acceso a todas as instancias".

Así as cousas, cobrar polo recurso ante un expediente de regulación de emprego —ERE— "podería ser menos grave", valora o avogado, pois tal apelación preséntase na meirande parte das ocasións de maneira colectiva. Mais en cuestións "máis pequenas", como reclamacións por despedimento, a contrarreforma española "vai supoñer que non se presenten recursos".

O propio Consello xeral do poder xudicial vetou o anteproxecto de Gallardón ao considerar que "estabelece elementos que entorpecen ou colocan obstáculos para que o cidadán poida acceder á tutela xudicial efectiva", expondo como exemplo un litixio de 3 mil euros cuxa taxa ascendería até os 800€. Así as cousas, o órgano recoñece a lexitimidade do executivo español para levar a cabo a reforma das taxas, mais dubida da súa constitucionalidade. Cómpre dicir que a relevancia de tal incremento "non é a mesma" en todas as ordes xudiciais. No caso de preitos laborais "a degradación que supón da xustiza é moito maior".