Avogad@s da Galiza revólvense contra a ''gravísima restrición'' que trae da man a suba das taxas

[Imaxe: Colexio de avogad@s de Ourense]
O Consello da avogacía galega arremete contra a "traizón" de Gallardón por quitar adiante o proxecto de lei sen contar coa valoración d@s letrad@s e non descartan mobilizacións "todas as semanas ou todos os meses" até que o goberno español recúe


O Consello da Avogacía galega mobilizouse esta sexta feira en contra do proxecto de lei de taxas xudiciais con concentracións diante dos principais tribunais do territorio. Segundo consideran, subir este tributo supón "unha gravísima restrición, inédita na democracia, dos dereitos da cidadanía e no acceso á xustiza".

Con esta xornada de protesta, @s letrad@s da Galiza súmanse á avogacía do resto do estado á hora de exixir "a inmediata retirada" do proxecto de lei das taxas, ao consagrar "unha xustiza para ricos, namentres o pobre terá que se engurrar". En conferencia de prensa pronunciada após a concentración da Coruña, o presidente do Consello e decano do Colexio de avogad@s da cidade herculina, Antonio Platas Tasende, alertou de que as medidas impulsadas polo titular de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, supoñen "unha traizón".

Platas Tasende reivincicou a xustiza gratuíta como "un servizo público" e reiterou que a súa protesta non pretende mellorar a situación da avogacía, senón da cidadanía, pois as quendas de oficio levan cinco anos sen actualizar o baremo de taxas que se lle abonan @s letrad@s que o exercen. Elevou até o 40% a porcentaxe de persoas que non poderán acudir á xustiza, insistindo en que os colectivos con menos recursos non serán quen de abonar as taxas previstas.

Arremetendo contra Gallardón, a quen lle reprochou que "dixo que non elaboraría leis sen un informe da avogacía", Platas non descartou que se celebren na Galiza protestas "todas as semanas ou todos os meses" entrementres o goberno español non recúe e retire o proxecto de lei.