Hostaleiras e comerciantes lamentan estar a traballar "con perdas"

A Galiza que vén: feches, resignación e rúas baleiras

Antón Pedreira, esta cuarta feira, fechando as portas da súa libraría en Compostela ao remate da xornada (Foto: Arxina).
As novas restricións sitúan Galiza nun "confinamento encuberto" que afecta especialmente á hostalaría e ao comercio. As persoas teñen "medo" e os estabelecementos camiñan "cara á bancarrota".

Día 1 dunha Galiza que ficará a medio gas até, cando menos, mediados de febreiro. Todos os concellos están fechados de modo individual e non se pode entrar nin saír deles agás por causas de forza maior: desprazamento ao posto de traballo ou ao centro de ensino, asistencia sanitaria, atención a persoas dependentes e, segundo indica o Diario Oficial da Galiza (DOG), para levar a cabo accións de caza xa programadas sobre o xabarín e o lobo.

Dentro dos propios municipios, fechan as salas de concertos, bibliotecas, pavillóns, teatros, centros sociais, clubs de xubilados e calquera outro lugar de encontro fóra do eido laboral e o estudantil... Agás os lugares de culto, que poden abrir mantendo o distanciamento social de 1,5 metros e cunha capacidade inferior a un terzo do total do templo.

Pódese camiñar por cada municipio en compaña de membros da mesma unidade familiar, mais nunca con persoas non conviventes, nin ao aire libre nin en espazos privados (agás quen teñan un "vínculo matrimonial ou de parella", mais sempre dentro dos límites do concello). As persoas que viven soas poden formar parte dunha "unidade de convivencia ampliada", sendo consideradas conviventes a todos os efectos legais. Así mesmo, queda prohibido fumar, comer ou beber "en movemento" en lugares públicos.

Son as 12 do mediodía e custa atopar xente nas rúas da capital do país. Boa parte dos locais hostaleiros de comercio non esencial teñen o cartel de "fechado" malia que poderían abrir seguindo cadansúas restricións. Esta estampa repítese ao longo da Galiza.

A cidadanía acepta con resignación as novas medidas decretadas pola Xunta após reunirse co Comité Clínico. "É o esperado após o descontrol do Nadal, porque non se restrinxiu o máis mínimo e agora estamos a pagar os pratos rotos", relatan a Nós Diario Antón e Alberto, dous conviventes que pasean por unha Compostela baleira e tentan lidar coa situación "como se poida".

A hostalaría, 'cabeza de turco'

Os bares, restaurantes e cafetarías do país non poderán acoller clientes nas próximas tres semanas, nin no interior nin nas terrazas. Si poden preparar encargos para recoller no local ou entregar no domicilio, mais para moitos hostaleiros esta opción non é viábel polos escasos ingresos que obterían. Outros, en cambio, tentan adaptarse á situación.

"Os repartos de comida son un segmento do negocio que está á alza, mais é insignificante, ninguén pode resistir con iso", explica a este xornal Lois Lopes, xerente da Nave de Vidán, local compostelán que estes días segue en funcionamento. Lopes apoia as restricións "se as persoas expertas consideran que é o mellor", mais lamenta que o sector leve "tres semanas cun fechamento encuberto" e, desde o inicio da pandemia, "once meses paralizado, nunha situación límite".

Para o hostaleiro, as "axudiñas" da Xunta son "insuficientes", xa que as súas perdas roldan 80% a respecto do ano anterior. Así e todo, bota en falta "medidas colectivas" por parte das institucións: "Para que salvamos o Nadal, para axudar o Corte Inglés e agora fechar? A solución real é aumentar os recursos sanitarios cando chegamos a un pico de contaxios e colapsan os hospitais", sentencia.

Na mesma liña apunta José Valladares, responsábel da cafetaría Le Coq de Compostela, que esta cuarta feira tamén abriu para atender encargos, mais cunha baixa demanda: "Paréceme unha medida arbitraria e incorrecta. Xa se demostrou que non somos o problema, porque estivemos fechados e seguiron aumentando os contaxios", expón, consciente de que estas tres semanas vai traballar "a perdas", agardando que non sexan "moi cuantiosas".

"Medo" no comercio local

Os estabelecementos considerados "non esenciais" poden seguir abertos, mais deben fechar ás 18 horas. No salón de peiteado Loly, no barrio compostelán de Vite, a súa propietaria, Dolores Brandón, pasa a mañá fronte ao mostrador agardando as tres únicas clientas que terá no día. "Gastamos máis abrindo que botando o fechamento. Imos cara á bancarrota e non sabemos como nos vai axudar o Goberno", lamenta. Brandón defende que o seu negocio é "esencial", xa que "moitas persoas dependentes" teñen que acudir a ela.

Ao seu carón está Ottero's Moda, a tenda de roupa que rexenta Daniel Otero. "Que queres que che diga? A tenda está baleira", comenta, en conversa con Nós Diario. O seu público son principalmente "persoas maiores", que non acoden estes días por "medo" a un contaxio que, asegura Otero, é "moi difícil" que se produza no seu local: "A xente desinféctase na entrada, eu limpo constantemente os probadores, as banquetas... E o outro día estiven no Hospital Clínico e non limpaban practicamente nada", salienta.

Outro sector especialmente afectado é o das librarías, que, a ollos do comerciante Antón Pedreira, "debería ter a consideración de primeira necesidade, porque a xente precisa evadirse".

Tanto el como o libreiro Pablo Couceiro (Libraría Couceiro) lamentan as "grandes perdas" ocasionadas a uns estabelecementos que consideran seguros: "No comercio en xeral non están os principais focos de contaxio", expón Couceiro.