Galiza tarda dez anos en crear un rexistro de familias monoparentais

Unha nai pasea co seu bebé nun carriño. (Foto: Europa Press)

Na primeira lexislatura de Alberto Núñez Feixoo á fronte da Xunta aprobouse unha lei de protección oficial para estas unidades familiares que agora contarán cun rexistro para inscribirse.

Dez anos despois de que se aprobara a lei que deu protección especial as familias monoparentais na Galiza, no decorrer do primeiro mandato de Alberto Núñez Feixoo, vaise crear un rexistro deste tipo de familias. Agora incorpórase a aquela norma de apoio á familia e á convivencia, esta medida.

Segundo transcendeu esta quinta feira, a Xunta dispón dun prazo de seis meses para pór en marcha o rexistro, que sairá case en paralelo a un novo plan de axuda ás familias monoparentais.

Este pequeno paquete de medidas vaise incluír na futura lei de impulso demográfico, á que lle queda pouco para estar rematada e ser sometida á votación do Parlamento.

O borrador chegou á Cámara galega hai un ano pero as eleccións e a mudanza na representación dos partidos fixo que sufrira atrasos.

Nesta nova lexislatura, no pleno de debate de totalidade das emendas de devolución, a conselleira de Política Social, Fabiola García, defendeu o texto e apelou a oposición para lograr que fose unha lei de país, con chamadas á "unanimidade".

Esta sexta feira pecharase a penúltima fase da norma que vai permitir contar cun rexistro dun tipo de familia xa moi asentado no país, pois vai ir á Comisión de Sanidade e Política Social.

Desde a entrada en vigor do documento, que poderá ser nas próximas semanas, en canto vexa luz verde definitiva no pleno da Cámara, a Xunta deberá elaborar, no prazo dun ano, un "plan de apoio ás familias monoparentais, coa finalidade de mellorar a atención e a cobertura social das súas necesidades".