A Lei de Impulso Demográfico obvia os problemas da mocidade e das mulleres

A Lei de Impulso Demográfico na que traballa a Consellaría de Política Social continúa o seu curso, nun novo intento do Goberno de aumentar o número de nacementos na Galiza. Expertas en demografía e migracións dos eidos da socioloxía, a historia ou a xeografía analizan as políticas que ten levado a cabo a Xunta, incidindo en que o problema da Galiza non é a súa demografía, se non un contexto socioeconómico que dificulta a inserción laboral en condicións dignas das mulleres e da mocidade.
Un acto de Vía Galega na campaña "Non emigramos, expúlsannos" (Imaxe: Vía Galega"
photo_camera Un acto de Vía Galega na campaña "Non emigramos, expúlsannos" (Imaxe: Vía Galega"

En xullo, durante o transcurso dun pleno no Parlamento de Galiza o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixoo, afirmou que o problema demográfico da Galiza tiña a súa base en que “hai menos mulleres en idade fértil”. Esta tese reflíctese nas políticas sociais da Xunta da Galiza e tamén na norma que ultima a Consellaría de Política Social: a Lei de Impulso Demográfico da Galiza.

Oito anos procurando máis nacementos

“Unha gravísima retracción da natalidade e un alarmante envellecemento da poboación, que dificulta as posibilidades de renovación xeracional e, en consecuencia, o mantemento do Estado de benestar social”. Este é o comezo da Lei 3/2011 do 30 de xuño, de apoio á familia e convivencia da Galiza. Unha normativa que serviu de base para a elaboración do Plan Demográfico 2013-2016.

A análise da evolución da poboación da Xunta tense vertebrado arredor de dúas variábeis: a idade media da poboación e o número de nacementos. No Plan Demográfico a Administración ligaba a transformación da poboación ao “aumento do número de separacións”, “do número de persoas maiores en situación de dependencia”, “das familias que carecen de ingresos estábeis” ou á “diminución do número de familias extensas”. Unha diagnose que non difire da desenvolta polo Goberno sete anos despois.

O anteproxecto da Lei de Impulso Demográfico da Galiza relaciona a redución da fecundidade “coa prolongación da etapa da xuventude, consecuencia das dificultades que atopa na transición á vida adulta”. Isto implica, segundo a Administración, o “retraso na entrada do mercado laboral, o emparellamento tardío ou o progresivo incremento da ideade media da primeira maternidade”.

Como podes afirmar que aplicas políticas que fomentan a natalidade á vez que retiras os servizos públicos?, cuestiona Rocío Fraga

A socióloga Rocío Fraga cuestiona que a evolución da demografía sexa un problema. “Trátase dunha tendencia natural, desde un punto de vista positivo significa que vivimos máis tempo”, destaca. Fala desde a concentración en protesta polo peche do paridoiro de Verín. “Como podes afirmar que aplicas políticas que fomentan a natalidade á vez que retiras os servizos públicos que precisa a xente para vivir?”.

Problemas fóra de foco

A cuestión que presenta Fraga é compartida por unha serie de expertas que desde os ámbitos da socioloxía, a historia ou a xeografía amósanse críticas coas análises da Xunta. As súas investigacións poñen o foco no contexto socioeconómico galego, base da quinta vaga migratoria do noso país. Esa mocidade “con dificultades na transición á vida adulta", segundo a Xunta, enfróntase a unha taxa de paro de 26,2% para menores de 25 anos e unha taxa de contratacións a tempo parcial de 22,5%. “Como consecuencia deciden emigrar, desenvolver o seu proxecto vital no estranxeiro”, afirma o catedrático de Historia Moderna Isidro Dubert a Sermos Galiza. Dubert tamén denuncia que a Xunta non analiza as consecuencias dese contexto nin das migracións.

Algunhas das propostas recollidas no anteproxecto son as achegas económicas, como os cheques bebé, a escolarización gratuíta universal de 0 a 3 anos ou apoios específicos ás familias numerosas. “Non teñen efectos ao longo prazo, son só unha apelación a unha base de votantes moi conservadora. Non se poden ligar políticas sociais ao voluntarismo das mulleres”, indica a este medio o catedrático de Análise Xeográfico da USC Rubén Lois.

Non se poden ligar políticas sociais ao voluntarismo das mulleres, di Rubén Lois

“O que cómpren son políticas activas de emprego, protección de servizos e uns investimentos públicos que a Xunta non fixo”, incide Lois. “Tamén axudas á vivenda ou ao coidado das persoas dependentes, que tardan ata dous anos en recibir axudas”, engade Rocío Fraga. “O declive demográfico non se pode corrixir. Mentres, o problema é que non se propoñen medidas serias para evitar a emigración e, como consecuencia, hoxe marchan tres veces máis persoas que hai trinta anos”, conclúe Rubén Lois.

Comentarios