Un informe alerta do incremento de 13% na taxa de paro na Galiza nas familias monoparentais

A entidade apuntou que 60% destes fogares viron "agravada ou moi agravada a súa situación".
paseo crianzas nenos desescalada2
photo_camera Imaxe de arquivo (Arxina)

Un informe elaborado pola Organización Non Gobernamental (ONG) Igaxes alertou de que, desde a entrada en vigor do estado de alarma, a taxa de desemprego das familias monoparentais desfavorecidas galegas elevouse en 13% até situarse en 34,4%.

Tamén se indicou que outro 25% destes proxenitores foi sometido a Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), segundo o estudo 'Do confinamento á exclusión: impacto da crise sanitaria na infancia e a mocidade máis vulnerables en Galiza'. En concreto, o informe realizouse sobre unha poboación de 500 persoas participantes en programas de atención directa da entidade.

Desta forma, mostrouse que 73% das familias en situación vulnerábel con menores a cargo dispuña dun posto de traballo antes a entrada en vigor do estado de alarma. Posteriormente, as unidades familiares en situación ou risco de exclusión nos que a proxenitora ten un posto de traballo reducíronse até 43% e a outro 18% aplicáronselles ERTE.

A ese respecto, a entidade apuntou que 60% destes fogares viron "agravada ou moi agravada a súa situación". Tamén se indicou que de 57% das familias que se viron afectadas pola crise sanitaria un 13% perdeu o seu posto de traballo, o que supón que a taxa de desemprego se elevase ao 39% neste colectivo.

Dificultades

Neste sentido, remarcouse que, dado que "a maior parte destas persoas carecían de aforros" e "chegaban con dificultades a final de mes", a perda de emprego e a entrada en ERTE provocaron que deban afrontar os gastos diarios "só con prestacións e axudas".

Ademais, advertiuse de que esta situación pode afectar á alimentación dos menores a cargo destas unidades familiares, así como á súa saúde mental, o seu desenvolvemento cognitivo e as súas relacións. De feito, Igaxes asegurou que os nenos están "máis desprotexidos" ante os conflitos que pode xerar a situación de incerteza económica na súa contorna.

O informe elaborado pola ONG sinalou que a comezos do mes de marzo un 23% dos galegos e galegas de entre 16 e 29 anos en risco de exclusión dispuña dun posto de traballo fronte a 38% da media de todas as persoas deste grupo de idade.

Con todo, tres semanas despois da entrada en vigor do estado de alarma só o 8,5% dos mozos en situación vulnerable mantiña o seu emprego e outro 10,8% fora sometido a un ERTE.

Así as cousas, Igaxe considerou "impostergábel" a implantación dunha renda mínima universal que permita "dignificar" a vida das persoas e garantirlles "uns estándares mínimos de seguridade e benestar". Deste xeito, a entidade social reivindicou a necesidade de que esta prestación sexa de carácter "universal" e compatible con outras axudas, así como de que se desenvolva un plan de inclusión sociolaboral para os receptores da mesma.

Comentarios