A Galiza, a segunda autonomía máis avellentada e coas pensións máis baixas

Maica Bouza, Carlos Mella, Amelia Pérez e Juan Sepúlveda na presentación do informe, hoxe en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
A CIG ten convocadas para esta cuarta feira varias mobilizacións baixo o lema 'As pensións non se tocan'

A Galiza é a segunda autonomía do conxunto do Estado español máis avellentada, con 8,8% da poboación, maior de 80 anos. Así o revela o informe Observatorio social das persoas maiores 2022, para un envellecemento activo, publicado onte por Comisións Obreiras, no que se analizan distintos aspectos que inflúen na calidade de vida das persoas maiores e pensionistas.

Comisións Obreiras presentou onte en Santiago de Compostela o informe Observatorio social das persoas maiores 2022, para un envellecemento activo. O documento analiza cuestións relacionadas co proceso de envellecemento da poboación e cos cambios da estrutura poboacional no Estado español, coa situación das persoas maiores ante o cambio dixital, coas políticas de atención á dependencia, coas pensións e con outros indicadores vinculados á saúde e aos recursos sanitarios.

Con este informe, que a Federación Estatal de Pensionistas e Xubilados de CCOO publica cada ano, o sindicato busca explicar e difundir datos de interese que axuden a “seguir loitando” por mellorar as condicións das persoas pensionistas, especialmente das mulleres pois, como así se demostra, “viven unha situación aínda máis precaria que os homes”. No informe deste ano, o Observatorio céntrase especialmente no avellentamento activo, unha das principais preocupacións de CCOO, indican, dada a cantidade de galegos e galegas que superan os 80 anos.

Segundo este informe, que se basea principalmente en datos da Seguridade Social referidos a 2022, 8,8% da poboación galega ten 80 anos ou máis, unha cifra que sitúa a Galiza como a segunda autonomía do Estado español máis avellentada, só superada por Castela e León (9,2%). Porén, a Galiza ocupa tamén a segunda posición entre os territorios coas pensións de xubilación máis baixas, cunha contía media de 1.064,36 euros, tendo por detrás unicamente Estremadura, con 1.045,44 euros. A poboación galega recibe de media 500 euros menos de pensión por xubilación que a poboación vasca (1.534,1 euros), que é a que lidera o ránking. Tendo en conta estes datos, CCOO advirte de que esta circunstancia ten un “profundo impacto” na calidade de vida das persoas maiores.

Fenda de xénero

O documento de CCOO sinala que, no referido á esperanza de vida, as maiores diferenzas entre xéneros rexistráronse na Galiza e en Castela e León, onde as mulleres viven unha media de 5,86 anos máis que os homes. Hoxe, a esperanza de vida das galegas supera lixeiramente os 86 anos. Porén, as súas pensións son inferiores ás dos galegos como consecuencia dunha traxectoria laboral máis irregular. 

A nivel estatal, o documento recolle que, do total de homes que superan os 65 anos e que teñen algún tipo de prestación, 95,5% reciben unha pensión por xubilación contributiva, mentres que, no caso das mulleres, apenas supón 55,7%. Ademais, a pensión contributiva por xubilación das mulleres é 447,98 euros menor que a dos homes.

No caso da Galiza, en 2021, as galegas cobraban de media 470 euros menos ao mes nas súas pensións que os homes, segundo datos do Movemento galego pola defensa das pensións e os servizos públicos (Modepen). Nesta liña, a asociación criticaba naquela altura que as mulleres cobran 773 euros mentres que os homes 1.128.

Mobilizacións da CIG

Baixo o lema 'As pensións non se tocan!', a CIG convocou para esta cuarta feira unha serie de mobilizacións nas sete cidades galegas. Con estas protestas, o sindicato busca denunciar a reforma das pensións que previsibelmente se validará esta quinta feira, 30 de marzo, no Congreso de Deputados. Desde a CIG alertan que con esta reforma "encamiñámonos cara a un sistema de pensións públicas de beneficencia, promovendo a súa privatización e reducindo as súas contías", o que, aseguran, "afectará a clase traballadora en xeral e as mulleres e mocidade en particular".

Nesta liña, a CIG afirma que a reforma ten como obxectivos "reducir cada vez máis as contías das pensións, coa ampliación do número de anos que se toman como referencia para o cálculo (de 25 a 29), e favorecer a privatización do sistema público, fomentando os plans de pensións privados, aos que accederá quen teña capacidade adquisitiva abondo".