Galiza rexistra a cifra de mortes máis alta da segunda onda: 21 vítimas do coronavirus nun día

Unha farmacéutica realiza test serolóxicos en Ourense. (Foto: Europa Press)
As autoridades sanitarias informaron de numerosos pasamentos por todo o país. Moitos deles están directamente relacionados coas residencias de maiores. Xa son 944 mortos desde o inicio da pandemia.
Galiza ten que lamentar a estas horas unha das xornadas máis negras desde que a aparición do coronavirus no país. As autoridades sanitarias informaron de que ao longo deste día faleceron 21 persoas.

A cifra é récord, cando menos na segunda onda da pandemia, onde o máximo comunicado era 13 perdas nun día. O primeiro falecemento desta nova vaga deuse a principios de agosto. Malia que houbo noites con moi malas noticias, os números de hoxe son especialmente alarmantes.

Desde o 11 de abril non se daba unha afección tan importante do virus, que naquel día provocou 23 decesos. Hai escasos minutos o Sergas falou de 21 vítimas. Segundo se comunicou, a gran maioría das persoas falecidas superaban os 70 anos e un bo número eran usuarias das residencias de maiores, que se teñen convertido nun núcleo de contaxios moi importante.

En concreto, hai que lamentar o falecemento dun home de 96 anos e outro de 84, que eran atendidos no hospital de Vigo. Asimesmo, no Vithas Nosa Señora de Fátima finou unha muller de 92 anos. As tres vítimas residían no xeriátrico de Salvaterra do Miño. Ademais, o Chuvi certificou outros tres pasamentos, neste caso de persoas non procedentes de centros residenciais. Tratouse dun home de 82 anos e dúas mulleres que tiñan 103 e 95 anos.

Na Coruña tamén houbo varias persoas polas que non se puido facer máis. O Sergas tivo información dun usuario da Ballesol de Oleiros de 92 anos (ingresado no Quirón) e outro varón de 93 anos que estaba en atención domiciliaria. No HM Modelo-Belén morreu unha coruñesa de 84 anos, e no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) faleceron dúas persoas que superaban por pouco os 80 anos de idade.

As residencias do interior

Na área sanitaria de Ourense tivo lugar o pasamento dunha residente de 85 anos de Nosa Señora dos Anxos, en Ribadavia. Tamén houbo vítimas dos centros Nosa Señora dos Milagres de Barbadás e da instalación Val de Monterrei. Neste caso as doentes estaban ingresadas nos hospitais de Ourense e Verín, respectivamente.

As autoridades sanitarias tamén explicaron que perdeu a vidas polo virus un home de 79 anos que estaba en atención domiciliaria na contorna de Lugo. No Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS) non superaron a infección un varón de 69 anos e unha muller de 89 que procedían da infraestrutura San Miguel de Silleda.

Por último, sóubose da morte de dous pacientes (de 86 e 89 anos) na demarcación de Ferrol, outro de 57 no CHOP e unha doente de 89 anos que era atendida no Montecelo e que tamén chegara procedente dunha residencia de maiores.

Con estes datos a cifra de pasamentos derivada dos contaxios polo coronavirus chegou xa a 944.