O ano comeza cun novo máximo histórico de doentes

Galiza rexistra 45.973 casos activos de coronavirus

Unha sanitaria nunha UCI das Balears. (Foto: Clara Margais / DPA)

A pandemia continúa disparada na Galiza. Segundo os dados ofrecidos polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) os casos activos marca un novo máximo histórico con 45.973 casos activos.

As cifras ofrecidas certifican os temores das autoridades galegas respecto a posibilidade do colapso dos servizos sanitarios. Así, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade indica a importante alza dos contaxios nas últimas 24 horas, aumentando os casos activos en máis de 4.173 persoas.

A xeografía dos casos activos

A área sanitaria de Vigo situouse á cabeza dos contaxios con 11.377 casos activos, colocándose a continuación a área sanitaria de Santiago-A Barbanza con 8.642 e seguíndoa de preto a área sanitaria da Coruña-Cee con 8.206

Un día máis a área sanitaria de Vigo rexistra os peores dados, sendo actualmente un dos grandes motivos de preocupación das autoridades sanitarias galegas. A este respecto, máis de 70% dos doentes internados na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do hospital Álvaro Cunqueiro atópanse sen vacinar.

Os postos de cola ocúpanos a área sanitaria de Ferrol 2.739 casos activos, á area sanitaria de Lugo, A Mariña, Monforte con 4.044, a área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras con 4.890 e a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés con 4.111.

A presión hospitalaria continúa aumentando nas últimas horas. Así, o Sergas confirma 50 doentes ingresados nas UCI da rede hospitalaria galega e 283 internados nas diferentes unidades de hospitalización das sete áreas sanitarias.

Recomendacións do Sergas

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da  Xunta da Galiza aconsellan á poboación adoptar as medidas de protección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

As autoridades sanitarias chaman a extremar a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano, preferentemente desbotábel. Neste sentido recomendan evitar  tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans

A Consellaría de Sanidade considera importante “procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións” e chama a manter “a distancia de seguridade e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello”.