As cifras ofrecidas certifican os temores das autoridades galegas respecto a posibilidade do colapso dos servizos sanitarios. Así, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade indica a importante alza dos contaxios nas últimas 24 horas, aumentando os casos activos en máis de 4.173 persoas.
A xeografía dos casos activos
A área sanitaria de Vigo situouse á cabeza dos contaxios con 11.377 casos activos, colocándose a continuación a área sanitaria de Santiago-A Barbanza con 8.642 e seguíndoa de preto a área sanitaria da Coruña-Cee con 8.206
Un día máis a área sanitaria de Vigo rexistra os peores dados, sendo actualmente un dos grandes motivos de preocupación das autoridades sanitarias galegas. A este respecto, máis de 70% dos doentes internados na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do hospital Álvaro Cunqueiro atópanse sen vacinar.
Os postos de cola ocúpanos a área sanitaria de Ferrol 2.739 casos activos, á area sanitaria de Lugo, A Mariña, Monforte con 4.044, a área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras con 4.890 e a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés con 4.111.
A presión hospitalaria continúa aumentando nas últimas horas. Así, o Sergas confirma 50 doentes ingresados nas UCI da rede hospitalaria galega e 283 internados nas diferentes unidades de hospitalización das sete áreas sanitarias.
Recomendacións do Sergas
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta da Galiza aconsellan á poboación adoptar as medidas de protección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.
As autoridades sanitarias chaman a extremar a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano, preferentemente desbotábel. Neste sentido recomendan evitar tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans
A Consellaría de Sanidade considera importante “procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións” e chama a manter “a distancia de seguridade e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello”.