A Galiza prepárase para suavizar máis as restricións e focar o control en cada surto

Un grupo de persoas nunha terraza dun bar na Coruña, onde en exteriores a capacidade está a 100% na actualidade. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A máscara e a distancia social continuarán presentes durante meses.

Aproxímanse mudanzas na metodoloxía da Xunta para medir e afrontar a incidencia da pandemia. Estes cambios traerán unha nova relaxación xeral das restricións e a ampliación das capacidades no interior de espazos fechados e estabelecementos. Niso é no que está a traballar a Dirección Xeral de Saúde Pública, que remitirá un documento coa nova metodoloxía ao Comité Clínico que asesora o Executivo galego na xestión da pandemia. Prevese que o Comité revise o informe na reunión da vindeira terza feira.

Así o anunciou esta quinta feira, 30 de setembro, o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, após a reunión semanal do Consello do Goberno galego. Iso si, "a máscara e a distancia seguirán, polo menos durante uns meses", advertiu.

A Galiza está "nunha situación moi cómoda" no que respecta aos datos de incidencia e ocupación hospitalaria e cunha alta taxa de vacinación que permite ampliar as relaxacións, aseverou. Por iso, no novo documento "irase deixando de medir a incidencia a 7 e a 14 días", e centrarase en "como se van a tratar os surtos de coronavirus esporádicos que xurdan no territorio".

A partir de aí, anticipou que o previsíbel é que se tomen "decisións" en relación a "relaxar" as medidas restritivas que aínda quedan na Galiza, o que afectaría á actual limitación de capacidades en interiores de hostalaría, ximnasios, salas de concertos, espazos culturais, barras de bares..

Para iso tamén lembrou que a Xunta está pendente de que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) ratifique as medidas do novo protocolo do lecer nocturno. "Se o TSXG habilita o certificado Covid, iremos moito máis rápido", aseverou.

Sen datos diarios no ensino

Na rolda de prensa, o presidente foi preguntado polo cambio de criterio da Consellaría de Educación, que este curso informa dos casos de Covid-19 nos centros de ensino tan só unha vez por semana en lugar de facelo diariamente. A CIG-Ensino exixiu xa coñecer os datos de forma diaria en favor dunha comunicación transparente e para garantir actuacións rápidas para protexer a comunidade educativa ante repuntas.

"Todos os pais son avisados en canto se produce un caso no colexio onde vai o seu fillo", afirmou Feixoo para sinalar que a situación entre o curso pasado e este "pouco ten que ver: o curso pasado iniciámolo sen vacinas nin sequera para docentes", dixo. 

Polo de tracción e enerxías

Noutra orde, o Consello da Xunta aprobou unha achega de 11,6 millóns de euros e un convenio de colaboración coa Axencia Galega de Innovación (Gain) e o Centro Tecnolóxico de Supercomputación da Galiza (Cesga) para pór en marcha a primeira fase do Polo de tecnoloxías cuánticas con aplicacións na medicina, biotecnoloxía, aeronáutica ou telecomunicacións. O polo, orzamentado pola Xunta en 154 millóns de euros, aspira a beneficiarse dos fondos europeos Next Generation

Aliás, o Executivo tamén aprobou unha achega de 20 millóns de euros para impulsar o autoconsumo e almacenamento enerxético, de cara a lograr aforros anuais de 7 millóns nas facturas das empresas. Así, ábrense subvencións para a instalación de proxectos de  fotovoltaica e eólica.

Feixoo insiste no uso do topónimo deturpado da Toxa

Núñez Feixoo referiuse ao Foro da Toxa empregando con insistencia o topónimo deturpado da illa. Preguntado pola actuación policial na xornada anterior contra manifestantes da Mesa pola Normalización Lingüística que reivindicaban diante do foro a non deturpación dos topónimos galegos (a Garda Civil empurrou e tirou varias persoas ao chan), Feixoo preferiu nin sequera citar A Mesa e dixo non  ter información alén dun intento de manifestación de traballadores de Ence (tamén se concentraron diante do foro).