A Xunta agarda recuperar "100%" da capacidade na hostalaría a nivel xeral, agás en ámbitos concretos coma o lecer nocturno, no momento en que perda a vixencia a emerxencia sanitaria declarada na Galiza hai máis de 19 meses, unha decisión que abordará o Comité Clínico nesta terza feira.
Así o adiantou este domingo o vicepresidente primeiro do Goberno galego, Alfonso Rueda, quen recoñeceu que a situación sanitaria "mellorou" nas últimas semanas grazas á vacinación.
"Hai que seguir sendo prudentes, mais o lóxico é que xa non teñamos esas restricións tan duras", afirmou, ao tempo que confiou en que a fin da emerxencia sanitaria supoña "non un retorno total á vida anterior, mais si algo semellante".
Alén de recuperar 100% da capacidade nos bares e restaurantes "en moitos casos", as persoas expertas tamén poderían dar vía libre ao uso das barras dos bares, que hoxe só se poden utilizar nos locais do nivel 2 de restricións.
Lecer nocturno
A respecto do lecer nocturno, Rueda lembrou que a comezos de outubro se activou un novo protocolo, e confiou en que se poida ampliar tanto o horario —até as 4 horas da madrugada se exixen o certificado Covid— como a capacidade —até 75% no interior—.
Deste modo, os pubs e discotecas poderán experimentar un novo alivio das medidas, malia que se seguirán notando "nunha porcentaxe mínima".
Certificados Covid
Noutra orde, sobre a posibilidade de ampliar a petición do certificado Covid a outros sectores, o vicepresidente mostrouse a favor porque "dá unha seguridade para ter unha vida normal en moitos aspectos", mais lembrou que a medida precisa dun aval xudicial.
Así as cousas, a Xunta non prevé, polo de agora, mudanzas no uso da máscara, xa que as pautas están marcadas a nivel estatal. Nos interiores, dixo Rueda, manterase a obrigatoriedade "como chamada á prudencia".
"Mentres sexa preciso, creo que é unha molestia mínima comparada co que tivemos que pasar", engadiu.