Galiza Nova condena a través dunha acción simbólica nun supermercado a "estafa" da crise de prezos

Pegada de cartaces de Galiza Nova nun supermercado (Foto: Nós Diario).
A acción consistiu na pegada de cartaces en diferentes partes do supermercando en que se podían ler mesanxes como "isto é un roubo" ou "esta crise é unha estafa".

Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, realizou esta quinta feira unha acción simbólica nun supermercado da cadea Mercadona para reivindicar a "estafa" que, segundo a organización, supón a actual crise de prezos.

A acción consistiu na pegada de cartaces en diferentes partes do supermercando en que se podían ler mesanxes como "isto é un roubo" ou "esta crise é unha estafa".

Marta Gómez, Secretaria Xeral da organización xuvenil, indicou que "a suba desenfreada dos prezos, concretamente na cesta da compra, repercute directamente nos nosos petos".

Un dos cartaces pendurados por Galiza Nova (Foto: Nós Diario).

"O litro de aceite subiu 28%, o litro de leite 25%. A mocidade galega vemos como cada semana que vimos ao supermercado a compra é cada vez máis cara e ás veces non nos podemos permitirnos comer todo o mes" acrecentou Gómez.

"Dar unha resposta"

Esta acción, enmarcada dentro da campaña 'Actuar agora para defender a vida' que está levando a cabo Galiza Nova, pretende, segundo salientan, "dar unha resposta visual e facer ver o descontento da sociedade galega neste contexto de crise económica e social no cal a mocidade é un dos sectores máis afectados".

"Isto é un roubo e contra el debemos mobilizarnos” sinalou Gómez. "Para que se deixe de especular cos bens de primeira necesidade e para que se deixe de facer negocio cos nosos dereitos é necesario dar unha resposta social e contundente nas rúas" engadiu.

Galiza Nova pretende con esta campaña chamar toda a mocidade galega  a mobilizarse o vindeiro 18 de decembro en Santiago de Compostela, na manifestación convocada polo BNG contra a crise dos prezos. “Queremos animar a toda a mocidade a actuar agora, porque ese é o modo de defender as nosas vidas” sentenciou Gómez.