Galiza Nova reivindica "autogoberno, autoxestión e autoorganización"

A organización xuvenil do BNG reúne en Bonaval, Compostela, a máis de 200 persoas na tradicional homenaxe a Rosalía e Castelao.

Acto de Galiza Nova en Bonaval (Foto: Nós Diario).
photo_camera Marta Gómez secretaria xeral de Galiza Nova, na súa intervención en Bonaval (Foto: Nós Diario)

Na véspera do Día da Patria Galega, Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, reivindicou no Parque de Bonaval as figuras de Rosalía de Castro e Daniel Castelao, "dous símbolos e exemplos para toda a mocidade que día a día loitamos polos dereitos que nos pertencen", segundo indican desde a entidade nacionalista.

Nesta edición, Galiza Nova xuntou a máis de 200 persoas que ateigaron un ano máis o parque de Bonaval e contou ademais coa presenza das organización xuvenís internacionais convidadas, que decidiron acompañar á mocidade nacionalista galega nestes días.

O acto contou coas intervencións políticas de Uxía Pérez, militante de Bergantiños, Marta Gómez, Secretaria Xeral da organización, e Ana Pontón, voceira nacional do BNG. Ademais o público gozou ao remate coas actuacións musicais do Rabelo e de Los Jinetes del Trópico.

"Orgullo de militancia"

Uxía Pérez destacou o orgullo que supón para ela militar en Galiza Nova. “Para min é un orgullo militar nesta organización e ver como todas escollemos esta loita, sabedoras de que é a única forma de conseguir os dereitos que nos negan.”

Marta Gómez, pola súa parte, fixo énfase na actual situación da mocidade galega e animou a todas as mozas e mozos deste país "a manter vivo o legado de Rosalía e Castelao". Indicou que “sabemos que non virá de fóra nin remedio nin esperanza e que a Galiza que queremos debemos construíla desde aquí” e rematou indicando que “precisamos autogoberno, autoxestión e autoorganización para traballar en grandes solucións para os grandes problemas da mocidade galega, pois só o nacionalismo ten solución para eles.”

Pontón anima a seguir loitando

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, animou ás mozas e mozos de Galiza Nova a non baixar os brazos e a seguir loitando polos intereses da mocidade galega como levan facendo máis de 35 anos.

“Sodes a Galiza viva e dinámica e tedes que contaxiar a confianza ás persoas descridas na política, que xa non acredita que podamos construír futuro” destacou Pontón, “somos unha nova Galiza en marcha e tamén confío en vós, a mocidade galega que quere cambiar o noso mundo, para gañarmos o futuro”

Para rematar o acto, tivo lugar a tradicional ofrenda floral no Panteón dos Galegos Ilustres, onde repousan os restos de Rosalía e de Castelao.

Comentarios