Galiza Nova chama a protestar este sábado contra a presenza do emérito en Sanxenxo

O rei emérito, Juan Carlos I, saudando a bordo do 'Bribón'. (Foto: José Oliva / Europa Press)
"Galiza non ten rei, e menos un corrupto", inciden desde a organización xuvenil do BNG, que convoca máis unha concentración de repulsa, este sábado, ás 12 horas.

Entre berros de "viva o rei" e "ladrón", Juan Carlos I volveu subir esta quinta feira a bordo do Bribón en Sanxenxo, onde ten previsto participar das regatas desta fin de semana, no marco do XXIV Trofeo Hotel Carlos I Silgar para embarcacións de clase 6m, puntuábel para o V Circuíto Liga Española deste tipo de buques.

E igual que en anteriores ocasións, Galiza Nova volverá protestar este sábado contra a presenza do rei emérito na Galiza na que é a súa terceira visita desde que marchou a Emiratos Árabes Unidos en 2020, marcado por numerosos escándalos e polémicas que levaron a propia Casa Real a pedirlle que se afastase do foco mediático.

Baixo o lema 'Galiza non ten rei', a organización xuvenil do BNG chama a participar da concentración convocada o sábado, día 29, ás 12 horas na praza de Portugal —onda a escultura do Aviador Piñeiro— do municipio do Salnés.

"De novo temos que ver como o rei emérito español visita o noso país con impunidade absoluta", censuran desde Galiza Nova, ao tempo que chaman a proclamar este sábado "que Galiza non ten rei, e menos un corrupto".

 

Malia que non hai impedimentos legais para a súa volta ao Estado español, distintas enquisas en 2022 cifraron en dous terzos da poboación estatal o rexeitamento ao seu comportamento e ao feche das pescudas contra el.

Neste contexto, na súa primeira viaxe ao territorio estatal tras a súa fuxida, en maio de 2022 e perante unha importante exposición pública, o rei Felipe VI trasladou ao pai que futuras visitas terían que decorrer coa “maior privacidade posíbel”, remarcando que a súa residencia permanente sería Abu Dabi.