O 'Bribón' volve navegar en Sanxenxo entre berros de "viva o rei" e "ladrón"

Juan Carlos de Borbón e Pedro Campos, esta quinta feira en Sanxenxo, a bordo do 'Bribón'. (Foto: José Oliva / Europa Press)
O rei emérito, Juan Carlos I, sae a navegar esta quinta feira de novo a bordo da súa embarcación. É a terceira visita á Galiza desde que marchou a Emiratos Árabes en 2020.

Juan Carlos I chegou na mañá desta quinta feira ao porto deportivo de Sanxenxo (O Salnés) para saír a navegar co Bribón, co que participará esta fin de semana nas regatas que se organizan no municipio. O ex monarca aterrou esta cuarta no aeroporto vigués de Peinador, onde foi recollido polo seu anfitrión, o empresario e amigo persoal Pedro Campos.

Contra as 12.15 horas de hoxe, Juan Carlos de Borbón entrou directamente ao porto, sen parar no Real Club Náutico de Sanxenxo e co portelo do coche subido. Pouco despois subiu a bordo do Bribón, situado no embarcadoiro do Náutico de Sanxenxo xusto debaixo da escaleiras por onde baixara nas últimas visitas.

Unha vez fóra do coche, vestido cun pantalón longo negro, chaqueta, gorra e lentes de sol, o emérito baixou as escaleiras do peirao con axuda dun asistente, sen bastón, e agarrado á varanda. Ao chegar ao pantalán detívose para saudar un grupo de nenos do Club Náutico que, a bordo da embarcación auxiliar, esperárono para a súa recepción. Tras iso, baixaron ao peirao para que a lancha semirríxida saíse a navegar co rei. Posteriormente, coa axuda do seu bastón para camiñar, fixo o propio coa tripulación que o acompañará, esta xornada, na súa singradura a bordo do Bribón.

Pouco despois, Juan Carlos I subiu na embarcación situada no pantalán e, ás 12.48 horas o Bribón soltou amarras. Desde o barco, e sentado en babor, o rei emérito saudou unha multitude que o aplaudiu, á vez que se escoitaron berros de "viva o rei". Mais tamén houbo quen optaron por berrarlle "ladrón".

Este 'adestramento' é a antesala da regata XXIV Trofeo Hotel Carlos I Silgar para embarcacións de clase 6m que se organiza esta fin de semana, os días 29 e 30. Ademais, tal e como informou o RCNS na súa páxina web, esta regata é a quinta puntuábel para o V Circuíto Liga Española de clase 6m.

Esta é a súa terceira visita ao Estado español, e máis concretamente á Galiza, desde que marchou a Abu Dabi (Emiratos Árabes Unidos) en 2020. Chegou, máis unha vez, baixo unha grande expectación mediática que o esperaba na casa do seu íntimo amigo e regatista Pedro Campos.

A xornada da cuarta feira transcorreu nun clima tranquilo no que a súa visita a Sanxenxo pasou desapercibida para boa parte da poboación local. Con todo, o que se puido ver, contra as 18.30 horas, foi un operario a bordo do Bribón.