A Galiza ofrece un millar de prazas de acollida para refuxiados ucraínos

Homenaxe na cidade de Leopolis (Ucraína) aos ucraínos falecidos durante a ofensiva rusa. (Foto: Pau Venteo/Europa Press)
14 prazas proceden de centros xestionados polo Goberno galego, 281 dos concellos galegos, e as 139 restantes de entidades sociais.

As Administracións galegas e as entidades sociais ofreceron ao Goberno español un millar de prazas para acoller refuxiados ucraínos por mor da ofensiva do exército ruso no seu país.

En concreto, 714 prazas proceden de centros xestionados polo Goberno galego, 281 dos concellos galegos, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as 139 restantes de entidades sociais.

Así llo trasladou a Xunta ao Ministerio español de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, encargado de coordinar e xestionar o reparto dos refuxiados entre as autonomías. O Executivo galego tamén sinala que as cifras irán aumentando, a medida que os diferentes axentes implicados poidan habilitar novas prazas.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, afirmou que "está á orde" do que decida o Estao español, e afirmou que existe un diálogo entre a Administración e a Asociación Galega de Axuda a Ucraína, co obxectivo de trasladar o seu apoio e axuda.

Prazas ofrecidas pola Xunta

Das prazas ofrecidas pola Xunta, 432 corresponden a camas de hospitais repartidas nas sete áreas sanitarias. Destas 113 prazas están destinadas a pacientes pediátricos, 15 para crianzas con tratamento oncolóxico e outras 15 para neonatos.

As prazas restantes nos hospitais repártense en 294 para pacientes con necesidades xerais, e 25 para pacientes con tratamento oncolóxico en marcha.

O resto de prazas que ofrece o Goberno galego saen das residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, o Centro de Formación e Experimentación Pedro Murias de Ribadeo, o albergue xuvenil de Portomarín, as Casas do Mar de Burela, Celeiro- Viveiro e A Coruña, o Centro de acollida para vítimas de violencia machista de Vigo e os centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo.