Galiza é líder en quilómetros de viario de pago e ten das peaxes máis caras

grafic-03
O aumento de 4% nas peaxes a partir de 1 xaneiro na AP-9 (Ferrol-Tui) e AP-53 (Santiago-Dozón) volve situar en primeiro plano unha anomalía do mapa de infraestruturas terrestres na Galiza que afecta o desenvolvemento económico e social: é o territorio con máis quilómetros de pagamento de todo o Estado e soporta das peaxes máis altas.

Ir a partir do domingo, 1 de xaneiro, de Tui a Ferrol pola principal vía de comunicación terrestre da Galiza, a AP-9, vai saír 90 céntimos máis caro que hoxe: 23,90 euros. Ao tempo, percorrer desde ese día os 56 km da outra autoestrada de pago do país, a AP-53 (Santiago-Dozón) suporá pagar 6,40 euros, 0,25 máis que agora.

É a consecuencia do aumento de 4% nas tarifas para as autoestradas de peaxe no Estado. Unha suba maior que a que se comprendía no borrador inicial do Ministerio de Transportes para a AP-9 e que era de 1,03%. 

Este incremento cobra especial significado na Galiza, pois é o territorio do Estado onde hai máis km de vías de pago e con diferenza: 330,8 quilómetros. A segunda comunidade con maior número de km con peaxe é Euskadi, con 248, dos que 171 corresponden ás deputacións vascas e só 77 ao Estado. O territorio que até 2021 lideraba a clasificación como o que tiña maior volume destas infraestruturas viarias de pago, Catalunya, ocupa agora a oitava posición, con 145,8 km con peaxes. O motivo? A Generalitat e o Goberno estatal non renovaron concesións en catro autoestradas e fixeron así gratuítos máis de 600 km que até entón eran de obrigado pagamento. Territorios de maior extensión que a Galiza, como Castela-A Mancha, Castela e León ou Andalucía teñen moitos menos km con portaxes: 214, 201 e 157, respectivamente. No Estado, ademais, hai comunidades como Estremadura, Cantabria, Balears ou Canarias onde se pode circular polo seu territorio sen atravesar peaxes. 

O aumento que se vai aplicar a partir de 1 de xaneiro sitúa a AP-9 e a AP-53 no grupo das máis caras do Estado: na segunda, cada quilómetro entre Santiago e Dozón sae a 11,4 céntimos. Na AP-9, ese custo por km será de 10,9 céntimos. Poucas superan este baremo: os 16 céntimos/km da A-636 entre Beasain e Bergara, a AP-68 Zaragoza-Bilbo e os seus case 12 céntimos/km; ou os máis de 13 céntimos de cada un dos 94,2 quilómetros da AP-66 entre Campomanes e León. 

A Xunta ve a suba inaceptábel

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, cualificou onte de "inaceptábel" a suba de 4% das tarifas: "É unha pésima noticia para a Galiza", sinalou. "Pedimos ao Goberno de España que conxele as peaxes de autoestradas da súa competencia", dixo Vázquez. 

O Goberno estatal, dixo, "pode e debe" tomar a decisión da conxelación de peaxes en autoestradas da súa competencia nunha "situación económica complicada".

O BNG exixe a paralización do aumento do prezo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixiu onte a paralización da suba e apuntou que "o que correspondería sería conxelar as portaxes, tal e como fai a Sociedade Estatal de Infraestruturas nas autoestradas na contorna de Madrid". Lembrou que as usuarias habituais da AP-9 teñen as peaxes a metade de prezo grazas aos descontos "negociados polo BNG". Con todo, defendeu finalizar a concesión e liberar de peaxe a AP-9 "por existir un informe da UE que declara ilegais as prórrogas concedidas polos Gobernos do PSOE e do PP".

Usuarios da AP-9 critican a suba "inasumíbel" das portaxes

"Un aumento inasumíbel para os galegos", así resumiu onte Diego Maraña, portavoz de En Colectivo, a asociación de persoas usuarias da AP-9, o incremento de 4% nas tarifas da autoestrada a partir de 1 de xaneiro. Maraña advertiu que o Goberno español "perde unha oportunidade para igualar" as condicións de galegos e galegas coas de cataláns e valencianos, que nos últimos anos viron como autoestradas de peaxe pasaban a ser gratuítas. "Unha vez máis, dásenos un trato diferente", lamentou.

Desde esta asociación apuntan, ademais, que esa suba de 4% en 2023 só supón unha "demora" dun maior incremento até o ano 2024. Maraña avisa do risco de que, se o IPC continúa "disparado" en 2024, o que pasará coa AP-9 é que persistirá "o mesmo problema, mais —multiplicado— por dous".