A Galiza duplica a ratio de persoas sen fogar do Estado: 165,7 persoas sen fogar por cada 100.000 habitantes

Acto reivindicativo polo dereito a unha vivenda digna, organizado polos Ninguéns, onte en Vigo. (Foto: Nós Diario).
A Constitución española di no seu artigo 47 que todas as persoas teñen dereito a unha vivenda digna. Porén, este ano, tan só en Vigo, 16 persoas morreron sen ter unha. Ademais, na Galiza, as circunstancias vitais obrigan, de media, 165,7 de cada 100.000 habitantes a ter que vivir nas rúas, sen un fogar.

Os Ninguéns, colectivo para a loita contra a pobreza e a súa estigmatización en Vigo, realizou esta cuarta feira un acto reivindicativo na cidade olívica no que se despregaron 16 mantas térmicas para lembrar as persoas sen fogar e en situación de vulnerabilidade extrema que faleceron este ano en Vigo. "A ver se ocupando unha praza queda clara a gravidade e a tristura. Hai moita dor, mais temos que ser contundentes nas reivindicacións ás responsábeis do benestar social", afirmaron nun acto para lembrar "quen parece que eran invisíbeis" e no que tamén houbo unha actuación musical de Su Garrido.

Segundo denunciaron Os Ninguéns, trátase do "peor ano nunha década" no que atinxe á morte de persoas sen fogar e en situación de vulnerabilidade extrema en Vigo, a que cualificaron como "unha cidade de luces e mortes de persoas empobrecidas". Entre estes 16 pasamentos rexístranse as tres crianzas e a muller falecidas no incendio da rúa Afonso X O Sabio o 11 de outubro.

No 45 aniversario da Constitución Española, o colectivo demandou que o artigo 47 deste texto legal non siga sendo "papel mollado" e se "garanta o dereito a unha vivenda digna". Segundo os últimos datos da Enquisa ás persoas sen fogar do Instituto Nacional de Estatística (INE), con cifras relativas ao ano 2022, a Galiza dobrou a ratio de persoas que non tiñan unha morada respecto á do conxunto do Estado.

Desta maneira, o pasado ano había na Galiza de media 165,7 persoas sen fogar por cada 100.000 habitantes, un indicador que practicamente dobrou as 86,6 que arroxaba a estatística estatal. A razón que forzou o abandono da vivenda da maioría das persoas sen fogar no caso da Galiza resultou a perda do traballo (23%), seguida do feito de ter que comezar de cero despois de emigrar (20,4%), de non poder pagar máis o aloxamento (17,2%) e do desafiuzamento da vivenda (9,3%). Ademais, a ratio galega ficou moi por encima da do País Valencià (14,8 persoas sen fogar por cada 100.000 habitantes), da de Catalunya (42,6), da de Castela-A Mancha (45), así como da de Murcia (48,4).

Pobreza infantil

O español situouse como o Estado da Unión Europea (UE) coa taxa de pobreza infantil máis alta, de 27,8%, tendo en conta o dato máis recente de ingresos, de 2021, segundo o informe España: pobreza infantil en medio da abundancia, que foi publicado onte polo Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (Unicef).

O informe indica que, tendo en conta a privación material e a pobreza subxectiva, ademais da monetaria, o español colocouse nas peores posicións entre os Estados de altos ingresos, os da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE).

Cunha taxa de 28% no Estado español, tan só o Reino Unido, Turquía e Colombia (dos 39 Estados que compoñen a OCDE) teñen unha taxa peor. Un cuarto posto pola cola que tamén ten o Estado español no caso da pobreza infantil persistente (por máis de dous anos).