Galiza conta con 113 bandeiras azuis nas súas praias mais, é isto realmente positivo?

Unha bandeira azul instalada nunha praia (Foto: Europa Press).
As bandeiras azuis naceron no ano 1982 a cargo da Fundación Europea de Educación (FEE) Ambiental, unha organización privada e non gobernamental que decidiu crear o logotipo para premiar as praias e os portos deportivos europeos con maior calidade ambiental, coa subvención da Comisión Europea.

Galiza sitúase entre os territorios do Estado con maior número de praias con bandeira azul cun total de 113, unha máis que o ano pasado, repartidas entre 34 municipios. Deles, Sanxenxo é o concello do Estado con máis destes distintivos con 17.

Galiza colócase así como a terceira autonomía con máis bandeiras azuis só superada por Comunitat Valenciana e Andalucía.

O segundo concello en número de areais con bandeira azul é Vigo, que suma un total de 12. A Coruña, a segunda cidade en poboación da Galiza, conta con cinco areais con este distintivo ás que se suman as outras 13 que suman os municipios de Arteixo (8) e Oleiros (5), na área metropolitana da cidade herculina.

Fraude?

Con todo, a concesión de bandeiras azuis ás praias é albo de numerosas polémicas ao ser considerada por sectores ecoloxistas como unha "fraude", dado que a promoven empresas turísticas privadas ás que acusan de velar só polo seu propio beneficio e non polas condicións medioambientais dos areais.

De feito, ano 2021, o concello de Nigrán, que chegou a contar en anos anteriores con catro praias con bandeira azul, renunciou a solicitar esta distinción, que supostamente ofrece un selo de excelencia, tanto pola xestión ambiental como pola xestión de conservación do ecosistema costeiro.

Desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), aseguran que “as praias non son parques urbanos, e a boa conservación dos ecosistemas naturais pouco ten a ver coa calidade sanitaria e os servizos, e moito menos coa masificación que a miúdo provoca a concesión deste ‘galardón’”.

“Para moita xente, usuarias e Administracións, este símbolo converteuse en sinónimo de calidade ambiental e de litoral ben conservado. Porén, ningún colectivo ambientalista apoia este distintivo, e desde 1999 tampouco o fai a Unión Europea (UE)”, salienta Adega.

En opinión da organización ambientaista, a función deste distintivo “non é conservar os valores naturais das praias, polo que a cidadanía non debería trabucarse: a Bandeira Azul, non é garantía dun litoral ecolóxico, natural e ben conservado. É unha marca publicitaria”.

A súa orixe

As bandeiras azuis naceron no ano 1982 a cargo da Fundación Europea de Educación (FEE) Ambiental, unha organización privada e non gobernamental que decidiu crear o logotipo para premiar as praias e os portos deportivos europeos con maior calidade ambiental, coa subvención da Comisión Europea.

Isto significa que, a diferenza do que habitualmente se pensa, as bandeiras azuis non son un selo proporcionado por un comité europeo público, senón que proveñen dunha institución privada, con sede en Dinamarca, cuxo xurado valora as praias candidatas de maneira anual e determina cales son as privilexiadas que merecen tal título e cales non.