Galiza conmemora o Día Mundial da Auga co saneamento como tarefa pendente

Instalacións da Estación de Depuración de Augas Residuais de Bens, na Coruña. (Foto: Edar de Bens)
Até 22% das masas de auga localizadas no país non están en bo estado.

Hoxe, 22 de marzo, o planeta celebra o Día Mundial da Auga, unha data estabelecida pola Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) en 1992. A xornada é utilizada especialmente para defender a xestión sostíbel dos recursos de auga doce, mais tamén para pór o foco na súa protección e conservación en todos os puntos do seu ciclo.

O Día Mundial da Auga ten por obxectivo "axilizar o cambio para resolver a crise da auga e o saneamento", dous problemas dos que a Galiza non está exenta. Atrás quedaron os anos nos que a auga, considerada en moitas ocasións como recurso renovábel –aqueles que se poden restaurar por procesos naturais a unha velocidade superior á do consumo humano– era un recurso que abundaba no país durante todo o ano. 

A situación dos encoros

Na actualidade, o período de seca estival na Galiza esténdese máis aló dos meses de verán. Tal é así que, cada ano, os Plans especiais de seca da demarcación hidrográfica Galiza-Costa afectan máis comarcas do país. Igualmente, os datos de evolución dos recursos hídricos publicados o 6 de marzo por Augas da Galiza, entidade depende da Xunta, tamén reflicten o declive do nivel de auga da Galiza. Os encoros incluídos na demarcación hidrográfica Galiza-Costa tiñan o 6 de marzo unha ocupación media 15% inferior á de 2022, situándose tamén por baixo da media dos últimos dez anos.

Saneamento, unha tarefa pendente

No ano 2015 o mundo comprometeuse co Obxectivo de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) 6 como parte da Axenda 2030: a "promesa" de que todos terían auga e saneamento xestionados de forma segura para 2030. Porén, este obxectivo está moi lonxe de ser logrado. Todo apunta a que a Galiza, cun sistema de tratamento de augas residuais maioritariamente baseado na centralización de pequenos e grandes efluentes mediante complexas redes de transporte, tampouco cumprirá o ODS 6 para o ano 2023. 

Así, máis aló dos graves problemas de saneamento aos que se afrontan as rías galegas –22% das masas de auga das rías non está en bo estado, segundo datos da Consellaría de Infraestruturas–, as augas continentais da Galiza tamén sofren problemas de contaminación. Explotacións agrícolas e gandeiras intensivas provocan un aumento da concentración de contaminantes –principalmente nitratos, fosfatos e pesticidas– nas augas continentais galegas. 

Precisamente, a Rede Cidadá de Medición de Nitratos fixo públicos a semana pasada os datos de 858 medicións realizadas durante o ano 2022 en augas da billa, superficiais e subterráneas. Neste estudo destaca a Galiza, con 97,5% das medicións realizadas en augas subterráneas –as reservas do futuro– superan o límite legal de nitratos. Tal é a gravidade da situación de contaminación das augas que a Comisión Europea denunciou o Estado español ante o Tribunal de Xustiza da UE.

O problema da contaminación na Galiza acentúase na actividade mineira e a polémica e recente autorización de verteduras de augas residuais da mina de San Finx por parte da Xunta da Galiza, ou a contaminación do río Portapego pola Mina de Touro (comarca de Arzúa).

2023, o ano da auga para as Nacións Unidas 

Para a ONU, este 2023 é o ano de "adquirir compromisos" (voluntarios) con respecto do uso da auga e o seu saneamento. Precisamente hoxe dá comezo en Nova York, nos Estados Unidos de América, a Conferencia das Nacións Unidas sobre a Auga 2023. Un congreso co que se pretende "mobilizar todos os sectores, actores e países" e crear o "impulso político" necesario para "combater os desafíos" globais da auga.

Reducir a contaminación na orixe das verteduras –sexan urbanas ou industriais– e mellorar a tecnoloxía das Estacións de Depuración de Augas Residuais (EDAR)–a maioría están obsoletas desde o momento da súa inauguración–  semella ser, segundo os colectivos ecoloxistas, a opción máis axeitada para solucionar o problema de saneamento das augas da Galiza.