Unha cuarta parte das augas das rías galegas non están en bo estado

A Xunta defende que en 2027 estarán 100% e a oposición lembra que esa promesa xa  fixeran con datas anteriores.

A conselleira de Mobilidade e Infraestruturas, Ethel Vázquez (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera A conselleira de Mobilidade e Infraestruturas, Ethel Vázquez, no Parlamento galego. (Foto: Xunta)

A comparecencia da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, a petición propia, para dar conta da estratexia para a mellora do saneamento e depuración das rías galegas deixou datos para tomar o pulso ao estado destes ecosistemas únicos e de grande importancia ambiental e produtiva. Por exemplo, unha cuarta parte da auga das rías galegas  non está en bo estado.

“78% das masas de auga si que están en bo estado”, dixo a conselleira, que cifrou en máis de 1.100 os millóns mobilizados desde 2009 para lograr es obxectivo. Vázquez situou para 2027 o “obxectivo estratéxico” de que 100% das augas estean nunha situación óptima.

Algo que non convenceu a oposición, Luis Bará (BNG) lembrou que en 2021 poñían 2015 como o exercicio para acadar ese obxectivo e que en 2015 situaban o horizonte dese completo saneamento en 2021. “En 2019 había 257 verteduras contaminantes ás rías e agora hai 265, van a máis”, denunciou o deputado nacionalista.

Pola súa parte, Pablo Arangüena cargou contra a Consellaría por “facer a vista gorda” ante a contaminación nas rías galegas. Criticou que “a carga contaminante” continúe a aumentar malia o o investimento de millóns de euros da Xunta e alertou dos problemas de produción marisqueira en rías como a de Arousa e Muros-Noia.

14% das verteduras son contaminantes

Ethel Vázquez quixo pór en valor o traballo feito nestes anos, indicando que desde 2009 “emendamos” 626 puntos de verteduras contaminantes ás rías”. Destacou que se reduciu á metade os puntos contaminantes, mais recoñeceu  que os contaminantes representan 14 % dos vertidos inventariados.

Incidíu a conselleira en que a Xunta “logrou evitar unha multa millonaria da Unión Europea grazas a un investimento de 30 millóns de euros no saneamento da ría de Pontevedra”.

Engadiu, a maiores, que desde 2009 se conseguiu duplicar a capacidade de depuración, pasando dunha capacidade de depuración para un millón de habitantes a dous millóns de habitantes no ano 2022.

Comentarios