A Galiza clama nas rúas liberdade para Palestina: houbo mobilizacións en 32 localidades

Mobilización en defensa do pobo palestino, esta segunda feira en Compostela (Foto: Arxina).
Mar de Lumes, BDS-Galiza, Galiza por Palestina e a Asociación Galaico-árabe Jenin chamaron de novo a se manifestar contra o xenocidio do pobo palestino a mans do Estado sionista de Israel.

A solidariedade galega con Palestina non cesa e esta segunda feira volveu dar conta da súa fortaleza con novas concentracións nun total de 32 localidades do país.

Mar de Lumes, BDS-Galiza, Galiza por Palestina e a Asociación Galaico-árabe Jenin chamaron de novo a se manifestar contra o xenocidio do pobo palestino a mans do Estado sionista de Israel. "É unha constante de solidariedade e de reclamacións. Cada semana a rede de apoio é máis ampla", afirmou a Nós Diario Ángela Gippini, voceira do colectivo Galiza por Palestina

Desde a primeira convocatoria no mes de outubro, a Galiza suma xa máis de 200 mobilizacións. "Valoramos moi positivamente que despois de tantas semanas, lonxe de restar ou de perder folgos, hai xente nova que sae á rúa e se suma ás nosas reivindicacións; plataformas e entidades locais que piden máis accións políticas. De feito, este mes de marzo o fío de actividades por Palestina está a crecer e chega a numerosas localidades".

A situación actual en Gaza centrou as mensaxes de solidariedade que se escoitaron na meirande parte das concentracións. A crise humanitaria que atravesa a poboación que aínda resiste na Faixa supera todos os límites coñecidos, sinalou Gippini, co lanzamento simultáneo de ataques aéreos indiscriminados e axuda humanitaria sobre zonas civís. "O drama é total. A fame está estendida e as enfermidades son numerosas. Calquera palabra crítica que empreguemos hoxe para describir a situación en Gaza é insuficiente". 

Hipocrisía

Neste sentido, a solidariedade galega con Palestina exixiu o cesamento do fogo sobre a poboación palestina e aproveitou tamén para censurar a "hipocrisía" internacional na xestión da axuda dirixida a Gaza. "Insistimos en que a forza ocupante é Israel. Esta crise é só responsabilidade súa e os envíos que ordena a comunidade internacional, aínda que precisos, non son máis que parches que o Estado sionista busca entorpecer".

"Stop xenocidio", "Palestina vencerá", "Galiza con Palestina"e "Paz e liberdade na Palestina" foron as mensaxes que cruzaron Galiza aínda coa lembranza próxima dun 8-M que puxo o foco na resistencia das mulleres palestinas e na idea recorrente de Mandela: "Ninguén será libre até que Palestina sexa libre", porfiou Gippini.