Galiza conta con 50 casos asociados a viaxes de fin de curso a Mallorca, 30 deles en Pontevedra

Unha mostra dunha PCR. (Foto: Nós Diario)
A repunta de casos da Covid-19 que se produciu na Galiza nos últimos días ten a ver, segundo a Consellaría de Sanidade, con contaxios que tiveron relación con viaxes de fin de curso a Mallorca. Segundo o departamento de Julio García Comesaña, a variante británica e a Delta, procedente da India, estarían detrás destes surtos.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, cifrou ao redor de 50 os casos de Covid-19 na Galiza asociados ás viaxes de fin de curso a Mallorca, dos cales 30, o "núcleo maior", localízanse na cidade de Pontevedra. O resto, están repartidos entre Lugo, Ourense e Vigo.

Así o confirmou o titular de Sanidade da Xunta a preguntas dos medios após visitar esta sexta feira o Hospital Clínico de Santiago.

Porén, a Galiza aínda non conta co mapa dos centros educativos que tiveron algún vínculo con estas viaxes. O conselleiro afirmou que espera telo "nas próximas horas" para facer "canto antes a proba correspondente e, de ser o caso, sometelos á corentena estabelecida".

García Comesaña tamén asegurou que o aumento dos casos activos e os repuntes nos contaxios nos últimos días "corresponden fundamentalmente" a este brote que afecta non só os alumnos, senón aos familiares directos.

Ademais, estes positivos están vinculados tanto coa variante británica como coa Delta, procente da India, á que se lle atribúe unha maior transmisión. Estímase, de feito, que sexa a predominante en tan só unhas semanas.

400 casos derivados no Estado

Trátase dun brote do cal "nin nos peores momentos" da pandemia se tivo coñecemento, segundo manifestou García Comesaña, xa que podería alcanzar os "400 casos derivados" en todo o Estado. "Ten unhas dimensións que non estabamos afeitos manexar", recoñeceu.

Así, sobre se á Consellaría lle preocupa o impacto que poida ter sobre a incidencia, respondeu que "calquera incremento" e mesmo "cando o descenso é máis lento" pon en alerta a Xunta.

Na quinta feira, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, cifrou en 25 os casos confirmados da variante Delta, con presenza na Coruña e en Vigo.

Hai precisamente unha semana Nós Diario daba conta dos resultados do proxecto CovidBens, que indicaba a presenza da variante procedente da India nas augas residuais da comarca coruñesa.

Preocupa a propagación da Delta entre a mocidade, pois é o colectivo que máis tardará en ser vacinado.