O galego José María Pena releva Josefina Fernández nunha DomusVi en plena crise reputacional

Josefina Fernández e José María Pena (Foto: DomusVi).
DomusVi aparta Josefina Fernández. O novo CEO do grupo será José María Pena.

DomusVI, o maior grupo de residencias na Galiza e no Estado, afasta a quen foi a súa conselleira delegada durante 20 anos, Josefina Fernández. O cambio dáse en medio da crise reputacional que afecta a empresa após ser epicentro dos falecementos na pandemia e acumular múltiples denuncias de familiares e usuarios.

Esta empresa de orixe galega, propiedade do fondo de investimentos británico Intermediate Capital Group e do francés Yves Journe, vén de designar como novo CEO José María Pena, tamén de orixe galega, xa que naceu en Barcelona mais con familia en Foz. É enxeñeiro superior de Telecomunicacións e desenvolveu a súa carreira na atención ao cliente durante 20 anos en empresas españolas e multinacionais. Logo ostentou postos executivos en compañías de renome e até o de agora vivía en São Paulo como director para Latinoamérica en Prosegur, o que encaixa coa estratexia de DomusVi de expandirse ao mercado latinoamericano.

Grave crise reputacional

DomusVi aparta así Josefina Fernández, que pasará a ser presidenta institucional do grupo. A crise reputacional da empresa cóbrase o seu posto. Os fondos de investimento non parecen gostar da asociación de Josefina Fernández á xestión da crise polos falecementos nin parece que xa lles resulte cómoda a súa imaxe vinculada ao PP e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. 

Ademais, a empresa pasou de contar con 19 millóns de euros de beneficios en 2019 a perdas de 43,8 millóns. Entre os motivos, ter que aumentar o persoal na pandemia.

2.000 maiores faleceron en 2020 no Estado en residencias de DomusVi a causa da pandemia. Na Galiza, a Xunta non facilita o número de mortes por residencias privadas. O que non puido evitar dar foron os datos de falecementos nos centros de titularidade da Xunta, que amosan que a taxa de mortalidade nas residencias públicas xestionadas por DomusVi duplica a dos centros xestionados directamente pola Xunta.

Carencias lastradas

O informe de Contas de 2017 indica que a Xunta tiña coñecemento xa daquela das deficiencias de persoal e medios nos centros de DomusVi. Esas carencias dificultaron facer fronte á pandemia e a Xunta tivo que intervir en 2020 as residencias de DomusVi no Barreiro (Vigo) e Aldán (Cangas), con máis de 200 contaxios e perto dun cento de mortes daquela.

Nos xulgados hai sete procedementos abertos impulsados pola entidade de familiares e usuarios de residencias REDE contra DomusVi, Josefina Fernández e cargos da Xunta por presuntos delitos de homicidio por imprudencia ou lesións graves.

Morte na Coruña

O BNG anunciou que levará ao Parlamento a morte dunha usuaria na DomusVi Concepción Arenal, na Coruña. Denuncia que a Xunta decidise non comparecer neste caso que se está a investigar nos xulgados porque, a pesar de a residencia ser pública, a xestión pertence a DomusVi.

A muller morreu en 2019 despois de pasar a noite con febre e vomitando sen que a residencia contase con enfermeiras na quenda de noite.