As galegas e galegos deixan pendente a materia de reciclaxe

A reciclaxe de vidro é das poucas que aumentou na Galiza nos últimos anos. (Foto: Europa Press)

Un estudo realizado polo Instituto Nacional de Estatística de España (INE) amosa a evolución do aproveitamento dos residuos nos diferentes territorios do Estado. Así, os últimos datos dos que se dispón amosan que a xeración de máis lixo no país foi aparellada a un maior desleixo da poboación á hora de separar eses restos.

A Galiza é un dos territorios do Estado español que menos recicla. Así o referenda un recente informe publicado polo Instituto Nacional de Estatística (INE) de España, onde as e os técnicos expertos estabeleceron unha comparativa entre os datos de residuos que se recolleron nos colectores separados e aqueles nos que apareceu todo o lixo mesturado.

As últimas cifras, dadas a coñecer hai escasos días, fan referencia a 2019 -pois este tipo de estudos levan certo atraso pola necesidade de que distintas administracións públicas acheguen os seus datos- e segundo estas o país está en sétima posición entre os que menos apostan na reciclaxe, situando ese deber compartido entre as empresas e a cidadanía.

Así, das 1.175.274 toneladas de residuos que se contabilizaron na Galiza ao longo do ano, só perto do 16% (15,9%) foron deitados nos espazos separados para cada tipo de produto. A media española situouse nun 22%.

Fronte ao 16%, só quedan por debaixo Estremadura (11,8%); Murcia (11,9% do seu total); Castela-A Mancha (12,4%); Andalucía (12,8%); Castela e León (14,9%) e a Comunidade Valenciá (15,6%).

Ao repasar os datos dos últimos anos, detéctase que o comportamento da sociedade galega -sen atender a estes dous últimos exercicios, dos que nin tan sequera a pandemia facilitou estabelecer aínda as contas- foi a peor no que á reciclaxe respecta.

No ano 2015, por exemplo, producíronse 1.143.025 toneladas de lixo, das que foron separadas para o seu aproveitamento e reconversión noutros produtos 202.545 toneladas.

A porcentaxe era por aquel entón de 17,7% e se ben o cómputo desta forma non variou en demasía, destaca o feito de que a máis residuos as e os galegos se preocupen menos por desbotalos dunha forma organizada para loitar contra os desperdicios.

Menos recollida de téxtil e desperdicios das obras

Neste quinquenio ascenderon os residuos domésticos e os atopados nas vías públicas, mentres descenderon os metálicos quizais pola redución das tarefas na industria. En paralelo, detectouse unha gran caída dos procedentes das obras, públicas ou privadas.

Baixaron as recollidas de residuos téxtis de 227 toneladas a 141, aínda que esta variación podería ter que ver cunha filosofía do maior aproveitamento da roupa ou coas doazóns a entidades solidarias.

Tamén baixaron os plásticos até 2019, mais o informe non estabelece unhas motivacións. O que está claro é que malia que na industria alimentaria, por exemplo, o plástico é fundamental nos últimos tempos na Galiza moita xente tomou conciencia e aproveita bolsas e outros recipientes. Proba diso é que nas cidades xa hai moitos negocios que venden comida -e mesmo produtos de limpeza- a granel.

As evolucións tecnolóxicas tamén quedan á vista na estatística, pois en 2015 rexistrouse a entrada nos puntos de reciclaxe de 79 toneladas de pilas e acumuladores, mentres que en 2019 tan só chegaron 35 toneladas. A explicación pode estar por un menor interese na reciclaxe, pero tamén no uso de menos aparatos eléctricos que precisan pilas en favor dos cargadores e dos sistemas sen cables.

Co vidro e o papel hai máis concienciación

Pola contra, as e os galegos -probabelmente moitas delas e deles pertencentes ao empresariado de comercio e hostalaría- apostaron máis no reaproveitamento de vidros, papeis e cartóns.

Neste caso, sempre atendendo ao balance do INE, en 2019 (último ano do que se fixo o análise, publicado hai escasos días) os colectores de papel e os servizos de recollida deste produto nas rúas acolleron 48.384 toneladas, cando un ano antes eran arredor de 2.600 menos e en 2015 estaban por baixo das 40.000.

Ao respecto dos vidros, nun quinquenio pasouse de recoller 32.591 toneladas a 41.067. Iso si, a pouca separación de envases e outros elementos de plástico e os residuos domésticos continúa a ser unha preocupación para as persoas especialistas debido aos datos globais da Galiza.

De feito, seguramente, as factorías dedicadas a estes labores no país tamén tiveron que ver, pois as denuncias e conflitos ao respecto non foron poucas ao longo do tempo.